visón

visón

(< fr vison)

  1. s m [ANIMAL]

    Mamífero carnívoro da familia dos mustélidos que inclúe dúas especies pertencentes ao xénero Mustela.

  2. visón americano [ANIMAL]

    Animal moi semellante ao visón europeo, pero coa pelaxe entre castaña e negra, e co beizo inferior de cor branca. Ten unha gran capacidade reprodutora, é moi agresivo e ten un amplo espectro alimenticio xa que pode comer peixes, ras, aves e pequenos mamíferos. É de costumes nocturnos e diúrnos, vive preto de zonas fluviais ou lacustres e é un bo nadador. Vive na maior parte do territorio de América do Norte, pero foi introducido en Europa e tamén en España para utilizalo nas granxas peleteiras a finais da década de 1950 e principios da de 1960 en Segovia e Pontevedra. Actualmente, pódense recoñecer polo menos tres poboacións independentes, unha en Galicia, outra en Catalunya e Aragón, e a outra entre Ávila, Segovia, Madrid e Toledo. En Galicia, coñécense poboacións nas Gándaras de Budiño e no encoro de Cecebre, entre outros, e compite co tourón común. O visón americano está desprazando o europeo nas zonas de Euskadi, Navarra ou La Rioja.

  3. visón europeo [ANIMAL]

    Animal de entre 35 e 40 cm de lonxitude, con cola de ata 15 cm, pelaxe parda escura, e o beizo superior e inferior branco. De costumes nocturnos e diúrnos, é acuático, polo que vive preto de zonas fluviais e lacustres; ten as patas con membrana natatoria, polo que é bo nadador. Aliméntase de batracios, pequenos roedores e aves. Vive no O de Francia e nalgúns puntos de Europa central (desapareceu de Holanda e Alemaña durante o último século) e oriental. En España só está presente na zona vasco-navarra e en La Rioja, e recentemente houbo unha localización no delta do Ebro, pero as poboacións en xeral son moi escasas. Está ameazado pola alteración do hábitat e pola competencia do visón americano, xa que este tolera mellor a contaminación e é moito máis agresivo.