volumetría
(
-
s
f
Determinación e medida dos volumes.
-
s
f
[QUÍM]
Técnica de análise química cuantitativa que determina a cantidade de substancia, obxecto da análise, presente nunha mostra. Consiste na medición do volume de solución do reactivo, de concentración coñecida, que é necesario para reaccionar cun volume medido de solución da substancia problema. Desde un punto de vista xeral, a detección pode ser efectuada tanto polo estudo da evolución dunha propiedade que desaparece ao superar o punto final, como pola aparición dunha propiedade que pode ser facilmente observada cando se lle engade un pequeno exceso do axente valorante. Os procesos máis comunmente observados na detección do punto final son: o cambio de cor dun indicador químico engadido ou a brusca variación dalgunha propiedade física adecuada, como a condutividade eléctrica, o potencial dun eléctrodo, a intensidade dunha corrente eléctrica que pode circular nunhas condicións fixadas e a precipitación ou floculación. Cando se fai uso destas técnicas, a volumetría é cualificada de condutométrica, potenciométrica, fotométrica, amperométrica e de precipitación. Os tipos xerais de volumetrías son: as de ácido base, as de oxidación-redución, as complexométricas e as de precipitación, segundo as reaccións empregadas. As volumetrías de ácido-base fundaméntanse na reacción entre ácidos e bases, clasificándose en acidimetrías e alcalimetrías, de acordo co carácter ácido ou básico do axente valorante. As volumetrías complexométricas baséanse na formación de complexos estables de diversos ións metálicos mediante valoración con solucións patrón de complexonas. As volumetrías de precipitación baséanse en reaccións en que se forma un composto de solubilidade moi pequena, como a determinación de haloxenuros en que se emprega como axente valorante o nitrato de prata (AgNO 3 ). As volumetrías de oxidación-redución baséanse na reacción dun oxidante cun redutor. A condición necesaria para que unha reacción deste tipo sexa rápida e quiométrica para poder ser empregada na análise volumétrica é que os potenciais normais de eléctrodo das dúas semirreaccións difiran en máis de 0,1 volts. Entre as aplicacións máis importantes da análise volumétrica e oxidación-redución destaca a determinación de metais en mesturas, sempre que os potenciais normais de eléctrodo sexan diferentes dabondo, e a determinación de diversos compostos aromáticos (aminas, fenois, etc) que reaccionan estequiometricamente con bromo (Br 2 ).