filosofía
(< lat philosophia < gr ϕιλοσοϕία)
-
[FILOS]
-
s
f
Ciencia universal que reflexiona sobre o pensar. De acordo coa etimoloxía grega, é unha procura da verdade por si mesma a través dunha actitude exclusivamente racional. Trátase dun pensamento racional e crítico, máis ou menos sistemático, sobre a natureza do mundo, a xustificación da crenza e a condución da vida, que dá lugar a un conxunto organizado de verdades que se refiren á esencia das cousas. Ao ser unha actividade crítica dun xeito radical e absoluto, non acepta ningunha suposta verdade sen unha primeira análise racional. Os sistemas filosóficos xeran cosmovisións como interpretacións globais e racionais da realidade e da vida, dotándoas de sentido. Desde os seus inicios dividiuse en varias disciplinas que centraban o seu estudo nun ámbito diferente da realidade e do saber. Na Antigüidade, mentres que Platón distinguiu entre materia e ideas, Aristóteles preferiu falar da ética, da estética ou poética, da psicoloxía, da política, da física, da metafísica e da lóxica. No s XVIII a escola de C. Wolff elaborou unha división que tivo un grande alcance e na que se distinguiu entre filosofía teórica, dividida en lóxica formal e material; metafísica, subdividida en ontoloxía e metafísica especial, que á súa vez se dividía en teoloxía natural, cosmoloxía e psicoloxía racional; e a ética ou práctica. Actualmente, a filosofía divídese en metafísica e saberes filosóficos ou metalinguaxes. A metafísica está dividida á súa vez en ontoloxía ou ciencia do ser; metafísica especial, dentro da que se inscribe a cosmoloxía, a psicoloxía racional e a teoloxía natural ou ciencia de Deus; e a gnoseoloxía ou teoría do coñecemento. Dentro dos saberes filosóficos inclúense, entre outras, a filosofía das artes ou estética, da ciencia, do dereito, da historia, da linguaxe, da moral e da relixión.
-
filosofía da arte
estética.
-
filosofía da ciencia
Disciplina filosófica que trata, por un lado, de establecer a xustificación e obxectividade do coñecemento científico, denominado tamén epistemoloxía da ciencia; e, por outro, a metafísica da ciencia que intenta resolver os aspectos filosoficamente enigmáticos da realidade que non están cubertos pola ciencia.
-
filosofía da historia
Disciplina filosófica que trata de establecer, entre outras, a natureza da comprensión histórica, a significación ou propósito do proceso histórico, os factores fundamentais no seu desenvolvemento e cambio, a posibilidade de obxectividade no proceso histórico e o tipo de verdade que se adscribe ás interpretacións históricas.
-
filosofía da linguaxe
Disciplina filosófica que trata de aclarar, entre outras, as relacións entre o pensamento e a fala, entre a función representativa e expresiva da linguaxe, o papel do individuo e a comunidade nacional na construción da linguaxe, as orixes da linguaxe no tempo e no individuo e a estrutura das linguas particulares.
-
filosofía da moral
ética.
-
filosofía da relixión
Disciplina filosófica que trata de analizar os conceptos ou principios centrais das relixións monoteístas occidentais. O termo foi cuñado no s XVIII para substituír ao de filosofía natural.
-
filosofía do dereito
Disciplina filosófica que trata de establecer unha teoría da xustiza e dos valores xurídicos e unha teoría xeral do dereito e da ciencia xurídica, vinculada a unha certa concepción do proxecto do home en sociedade. A súa investigación céntrase na ontoloxía xurídica, no sentido da comprensión totalizadora do fenómeno xurídico, e na axioloxía xurídica, coa teoría da xustiza e dos valores xurídicos.
-
s
f
-
s
f
[FILOS]
Conxunto de sistemas, doutrinas, escolas e teorías do pensamento que se desenvolveron ao longo da historia. Existen dous grandes ámbitos filosóficos, o occidental, enraizado na filosofía grega, e o oriental, con dous focos, a filosofía india e a chinesa. Nas orixes de ambos está a vinculación da actitude filosófica con posicións míticas e relixiosas. Na historia da filosofía occidental pódense distinguir catro grandes etapas: a filosofía antiga ou clásica, a filosofía medieval, a filosofía moderna e a filosofía contemporánea. A filosofía clásica naceu en Grecia ao redor do s VI a C e desenvolveuse, aproximadamente, ata o s III d C. Os primeiros filósofos, denominados presocráticos e entre os que destacan Tales de Mileto, Anaximandro, Anaxímenes, Heráclito, Parménides, Pitágoras, Empédocles, Anaxágoras e Demócrito, buscaron as respostas racionais, fronte á mitoloxía imperante, as preguntas sobre a orixe, a causa e a esencia da natureza. Desde mediados do s V a C, o estudo da filosofía centrouse na cidade de Atenas, onde os sofistas e Sócrates escolleron como obxecto de estudio o home nas súas dimensións moral e política. Mais, foi con Platón e co seu discípulo Aristóteles, cando a filosofía se constituíu como unha visión completa e coherente da realidade e do seu coñecemento. Desde o s IV a C, derivou cara a asuntos exclusivamente morais, polo que buscou ensinar aos homes a ser felices e sabios a través de doutrinas filosóficas, como o epicureísmo e o estoicismo. No s III d C, a filosofía clásica pechouse coa figura do neoplatónico Plotino, quen entendeu a filosofía como un saber purificador. A filosofía medieval pódese dividir en dúas grandes etapas, a patrística e a escolástica. Os Padres da Igrexa, entre os que destaca santo Agostiño (354-430), procuraron conxeniar a filosofía de tradición clásica co cristianismo, aínda que a fe sempre tiña primacía sobre a razón. En cambio, para os escolásticos, entre os que sobresaen o musulmán Averroes (1126-1198), o xudeu Maimonides (1135-1204) e os cristiáns santo Anselmo (1033-1109), san Tomé de Aquino (1225-1274) e John Duns Escoto (1265?-1308), a filosofía contraponse á fe relixiosa. Centraron o tema de estudio na busca de solucións ao problema das relacións entre fe e razón, entre relixión e filosofía; ademais, a demostración racional dos dogmas relixiosos do cristianismo, nomeadamente a demostración da existencia de Deus, converteuse en obxecto da filosofía. O Renacemento foi o inicio da filosofía moderna que, influenciada pola reforma protestante e o desenvolvemento das ciencias da natureza, rompeu coa tradición cristiá anterior. Entre os ss XV e XVI estendeuse unha visión mecanicista do mundo que ten como obxectivo da vida humana a satisfacción dos desexos naturais do individuo e no que a lóxica aristotélica resultaba inútil ante a certeza das leis físicas. Entre os filósofos deste tempo destacan N. de Cusa (1401-1464), G. Bruno (1548-1600) e F. Bacon (1561-1626), quen expuxo un novo método filosófico e científico baseado na xeneralización indutiva realizada desde a observación e a experimentación. No s XVII o problema filosófico principal foi a teoría do coñecemento, polo que se desenvolveron dous novos sistemas filosóficos; o racionalismo, caracterizado pola importancia que se lle conferiu á razón e que tivo como filósofos máis destacados a R. Descartes (1596-1650), B. Spinoza (1632-1677), G. W. Leibniz (1646-1716); e o empirismo, representado por J. Locke (1632 -1704), G. Berkeley (1685-1753) e D. Hume (1711-1776), que consideraba a experiencia como única fonte de coñecemento. No s XVIII a Ilustración considerou a filosofía como un medio de loita contra os prexuízos e a intolerancia para a instauración da primacía da razón, polo que centrou o seu interese no home e na razón humana. O máximo expoñente desta época foi I. Kant (1724-1804), quen considerou a filosofía unha investigación crítica dos límites do coñecemento e como método capaz de elaborar unha síntese total do saber. A filosofía contemporánea caracterizouse por unha pluralidade ampla de correntes, pensamentos e xeitos de entender a propia filosofía. No século XIX, os filósofos máis importantes foron G. W. F. Hegel (1770-1831), para quen a tarefa da filosofía é a explicación na historia do pensamento da razón humana ata chegar ao espírito absoluto; K. Marx (1818-1883), que identificou filosofía e praxis revolucionaria dirixida á liberación do traballador no seo da sociedade explotadora e alienante do capitalismo; e F. Nietzsche (1844-1900) para quen a filosofía tiña a obriga de desenmascarar as ficións da razón e recuperar o vitalismo perdido por mor da decadente cultura occidental. No s XX destacaron J. P. Sartre (1905-1980), filósofo existencialista que entendeu a filosofía como reflexión sobre o sentido da existencia humana, e M. Heidegger (1889-1976) para quen a filosofía é ciencia do Ser, é dicir, ontoloxía; L. Wittgenstein (1889-1951), para quen os problemas filosóficos son problemas de análise lingüística; e os filósofos da escola de Frankfurt, entre os que destaca H. Marcuse (1898-1979), que entenderon a filosofía como unha actividade crítica que debe desvelar os mecanismos de control social empregados dentro da sociedade industrial contemporánea. Dentro da historia do pensamento filosófico indio, aínda que resulta difícil establecer unha evolución cronolóxica, distínguense tres épocas: a época védica, a brahmánica e a hinduísta. Na época védica a filosofía desenvolveuse vinculada ao pensamento relixioso, concibido como unha doutrina secreta. Nas Upaninshads ou sesións secretas desenvolvéronse dous conceptos filosóficos fundamentais: o brahman, que é a esencia do Universo, a realidade permanente por riba das aparencias; e o atman, que é o brahman individual, a esencia do individuo libre de ataduras humanas. Durante o bramanismo o pensamento filosófico expresouse a través do Mahabharata e o Ramayana, dúas epopeas nas que se desenvolve a teoría moral de actuar polo sentido do deber independentemente dos resultados da acción para non acumular o karman e avanzar cara á liberación. Ao longo da época hinduísta establecéronse os seis sistemas filosóficos ortodoxos ou darhsana nos que se desenvolveron, xunto coas ideas de brahman e atman, o karman como pegada que os actos deixan en nós e o samshara ou roda do destino, variable segundo o karman de cada individuo. En China, o pensamento filosófico pódese dividir en catro etapas: a etapa clásica, representada por Confucio e o taoísmo de Lao Zi e Zhuang Zi; a etapa medieval, na que se produciu a chegada do budismo; a etapa moderna, onde se desenvolveu o neoconfucianismo a través de tres escolas, a do principio, a da mente e a do saber práctico; e a contemporánea, na que se produciu a comuñón entre filosofía occidental e a chinesa. En xeral, ao longo de todo o pensamento chinés tradicional estiveron presentes os conceptos expostos no I Ching ou Libro das Mutacións, onde se analizou a idea de cambio constante das cousas e dos seres dunha maneira cíclica simbolizada polo ying e o yang.
-
s
f
-
Forma de pensar ou de entender alguén o mundo e a vida.
Ex: A súa filosofía consistía en gastar todo o que gañaba.
-
Orientacións básicas e fundamentais dun organismo e das súas actividades.
Ex: A filosofía da empresa era chegar a un consenso cos traballadores.
-
-
s
f
Tranquilidade ou serenidade do ánimo ante as vicisitudes da vida.
Ex: Tes que tomar as cousas con filosofía.