Filosofía da Saudade
Obra de Ramón Piñeiro publicada en 1984 e na que trata desde un punto de vista metafísico o concepto de saudade. O libro iníciase analizando o significado da filosofía para, a continuación, comezar a examinar a saudade e, finalmente, desenvolver o estudo da saudade en Rosalía de Castro como expresión da soidade ontolóxica. Considerou a saudade unha vivencia espontánea e intrínseca da pura intimidade do ser humano que constitúe unha característica propia do mundo galaico-portugués, posto que na súa configuración espiritual común predomina a dimensión sentimental. Distinguiu varias formas de saudade, a nostalxia, a arela, a morriña, a sehnsucht xermánica (actividade de procura dun obxecto descoñecido do que se sente a necesidade de coñecer) e a angustia, concepto tomado de M. Heidegger. Para o autor a saudade fai de Galicia un pobo diferenciado e, ao mesmo tempo, universal, que ten na lingua galega a súa alma viva e que, de acordo cos ideais da Xeración Nós, debe conseguir recuperar a súa capacidade normal para desenvolverse.