filoxenia

filoxenia

(< 3 filo + grγενεά‘xeración’)

  1. s f [BIOL]

    Rama da bioloxía que estudia o proceso da filoxénese.

  2. s f [LING]

    Orixe e desenvolvemento da linguaxe na especie humana, desde os primeiros homínidos australopitecos ata a nosa especie, o homo sapiens. Este estudo lévase a cabo desde o campo da paleontoloxía, a través da análise dos fósiles localizados nos diversos depósitos. Co fin de investigar sobre a orixe da linguaxe, as partes máis interesantes dun fósil son a superficie interna do cranio, que permite comprobar o grao de desenvolvemento das zonas do cerebro máis relacionadas coa capacidade lingüística (áreas de Broca e Wernicke), así como a cavidade bucal e a base do cranio, que facilitan a reconstrución do aparato fonador (órganos encargados da emisión dos sons). Mentres a filoxenia estudia cómo xorde e evoluciona a capacidade lingüística no ser humano, como especie; a ontoxenia céntrase na evolución da habilidade lingüística no individuo, isto é, no proceso de adquisición lingüística por parte do neno. Estes dous tipos de estudios poden resultar complementarios, pois, por exemplo, existen grandes similitudes entre o tracto vocal dos bebés e o dos chimpancés (primates non humanos). En ambos os dous casos a posición alta da larinxe permite respirar e tragar líquidos ao mesmo tempo, circunstancia que cobra especial importancia na fase da lactancia. Non obstante , ao redor dos dous anos de vida a posición da larinxe descende e provoca a posibilidade de atragoamento a cambio da gran vantaxe que supón modular a ampla gama de sons constitutivos da fala humana. Esta mesma transformación descubriuse na evolución dos nosos antepasados.