Fisterra

Fisterra
[IMAX]

Produción cinematográfica galega realizada en 1998. Estreouse co título completo de Fisterra. Onde termina o mundo. Foi dirixida por Xavier Fernández Villaverde e interpretada por Nancho Novo, Elena Anaya, Enrique Alcides, Chete Lera e Geraldine Chaplin. Villaverde contou co apoio dun bo aparato industrial, patente no labor de promoción e distribución a cargo de Tornasol e Alta Films. Os resultados desa política demostraron que unha película galega e en galego podía ter a mesma capacidade competitiva no mercado que calquera outra. A estratexia narrativa do cineasta é particular, xa que procura amalgamar dous xéneros polos que sente especial inclinación, o thriller e o melodrama, unión que dá como resultado un thriller emocional. O filme pretende construír unha reflexión sobre o baleiro ideolóxico da xente nova, unha mirada á clásica figura do pai (ou, máis concretamente, á súa ausencia) e unha exposición do sentimento galego da vida. Non obstante , a película semella irregular, desequilibrada, desarticulada no seu guión, que presenta claras arbitrariedades nas vicisitudes que desenvolve. O director manifestou que a súa é unha aposta polo cine non convencional, con historias nas que os elementos se mesturan dunha maneira particular na interrelación entre a historia e a forma de contala.