fociño

fociño

(< fozar)

  1. s m [ANAT]

    Parte sobresaínte da cara de certos animais onde están situados a boca e o nariz. Na tradición oral recóllese o seguinte dito: “Non se fixo o mel para o fociño do porco”.

    Ex: O fociño do meu can ten pintas negras e brancas.

    Sinónimos: morro.
  2. s m

    Parte da cara das persoas onde está o nariz e mais a boca, ou só o nariz.

    Ex: Levou un golpe no fociño e incháronselle os beizos e o nariz. OBS: Xeralmente emprégase en plural. Ex: Colleuno polos fociños e levouno onda os pais.

  3. s m

    Beizos dunha persoa, sobre todo cando son prominentes.

    Ex: Operáronlle o fociño para llos deixar máis pequenos. OBS: Xeralmente emprégase en plural. Ex: Ten uns fociños grandes coma un mundo.

  4. s m

    Rostro dunha persoa.

    Ex: Deulle unha labazada no fociño que o deixou quente.

Frases feitas

  • Asomar o fociño. Aparecer de maneira inoportuna nun lugar.

  • Revirar/Torcer/Virar o fociño. Pór alguén mala cara como mostra de desacordo ou dúbida.

  • Caer de fociños. Caer de fronte, mesmo dándose na cara.

  • Deixar/Quedar cos fociños dunha cuarta. Deixar ou quedar alguén nunha situación en que levou un chasco ou decepción.

  • Estar de lamber o fociño. Estar un alimento moi rico ou saboroso.

  • Ir de fociños. Ir directo ao fracaso.

  • Meter o fociño. Entremeterse alguén nun asunto que non lle concerne.

  • Pasar polos fociños/ Refregarlle a alguén o fociño. Dicirlle a alguén algo que lle desgusta ou molesta.

  • Poñerse de fociños. Poñer alguén cara de enfado.

  • Regañar o fociño. Morrer unha persoa.

Formas incorrectas

fuciño