moeda
(< lat monēta)
-
s
f
[NUMIS/ECON]
Peza de metal cuñada pola necesidade dos intercambios, con aliaxe, título, peso e valor establecidos. A creación da moeda foi precedida, nos pobos gandeiros, por cabezas de gando empregadas como medio de intercambio. O nome dado polos romanos ao diñeiro, pecunia, indicaba a orixe gandeira do termo, xa que este procedía do latín pecus ‘res’. Moeda, pola contra, derivou dun apelativo da deusa Xuno, que tiña o seu templo no Capitolio á beira da casa da moeda da Roma republicana. A moeda, introducida polos gregos a finais do s VIII a C, difundiuse rapidamente por todo o mundo antigo. Os metais máis usados foron o ouro, a prata, o bronce e, máis raramente, o billón e o electrón (ouro e prata). O sistema monetario grego máis difundido foi o ático, co dracma como unidade, mentres que o talento e a mina se empregaron no cálculo de valores. En Roma, o metal máis usado foi o bronce, e a unidade de valor foi o as, con fraccións segundo o sistema duodecimal, como en Grecia, onde a onza era a doceava parte do as. O peso tamén era variable. A cuñaxe en prata realizouse en Roma a partir de 268 a C, e a unidade de valor foi o denario. Simultaneamente, o sestercio substituíu o as como moeda de conta. As moedas de ouro introducidas cara a 87 a C chegaron a ser de uso regular con Xulio César (46 a C). Durante o Imperio Romano, o dereito para amoedar o ouro e a prata estivo reservado ao emperador. A unidade monetaria era o aureus, chamado posteriormente solidus. Desde finais da época republicana, as moedas levaban gravadas figuracións moi variadas. Con algunhas variacións, as imperiais continuaron tendo valor durante as invasións dos pobos xermánicos, que imitaron o tipo, ao igual que os árabes da parte oriental do Imperio (mesmo cos símbolos cristiáns), que posteriormente introduciron inscricións na súa lingua e crearon moedas orixinais de ouro como o dinar ou o dirhem (ss VII-VIII). Carlomagno unificou e modificou o sistema monetario, que converteu en monometálico sobre a base da prata, pero as moedas de ouro, aínda vixentes no Oriente Próximo, non deixaron de circular. Neste sistema tiveron a súa orixe as diversas moedas medievais e modernas, que se multiplicaron progresivamente, sobre todo porque os dereitos para amoedalas foi outorgado a entidades eclesiásticas e a grandes señores feudais. Cara a finais do s XIII, as moedas tiñan tamén un valor artístico. Malia as prohibicións, as de metal valioso, eran a miúdo esmoucadas para beneficiarse do fragmento recortado. En 1484, apareceron en Tirol os primeiros táleros de prata e, simultaneamente, moedas de cobre puro ou con aliaxe de bronce. Ao inicio da Idade Moderna a diversidade de moedas era moi grande; na Europa Occidental prevaleceu o bimetalismo e en Oriente, despois da caída de Constantinopla, quedou vixente a moeda de ouro. A partir do s XVII as técnicas para cuñar perfeccionáronse e apareceron as moedas plenamente circulares e coas incisións máis precisas. En 1865, en París, foi estipulada a Unión Monetaria Latina, que estableceu os tipos monetarios aceptados polos estados asistentes e, posteriormente, por moitos outros. Durante o s XX as moedas rebaixaron o seu valor real, xa que o material empregado foi de menor calidade, e pasaron a ser de cobre, níquel e outras aliaxes que desprazaron o ouro e, en parte, a prata. A moeda utilízase como medio de pagamento fraccionario dos billetes, que normalmente teñen o valor nominal máis alto. Se o valor real dunha moeda fose superior ao nominal ou monetario, desaparecería do mercado, seguindo a denominada Lei de Gresham.
A moeda en Galicia
Anteriormente á creación e cuñaxe de moeda en Galicia era común o troco de mercadorías como sistema de pagamento e cobro. Desde a Prehistoria, os obxectos empregados para tal fin foron cunchas, contas de colares ou machadas de bronce. En 138 a C os romanos iniciaron o seu contacto cos galaicos, e empezaron a empregarse pedazos de ouro e de prata como pre-moedas; este sistema mantívose, empregado conxuntamente coas moedas republicanas, ata mediados do s I a C. Caio Antistio, militar romano ao mando das lexións X Gemina e VI Vitrix, cuñou as primeiras moedas coñecidas en Galicia durante as Guerras Cántabras (29-19 a C), co nome do Emperador Augusto. Realizáronse dous tipos de cuñaxes da caetra, unha no campamento militar de Lugo, con estilo coidado; e outra en campaña, que se distinguía polo estilo bárbaro e a cuñaxe descoidada. As primeiras cuñaxes suevas foron imitacións de soldos de ouro a nome do Emperador Honorio (395-423) e realizáronse en Braga, capital do Reino Suevo. A moeda caracterísica nesta época foi o tremis, clasificado cronoloxicamente como: de tipo romano, de tipo nacional, de Valentiniano III e os de lenda dexenerada. O gran número de cecas existentes no territorio da Galicia visigoda contrasta coa súa produción das mesmas, que se reduciu a moedas de ouro (trientes), co nome do pobo ou a cidade conquistada. A ceca situada na Coruña foi a máis importante durante a Idade Media galega, con cuñaxes de moedas en ouro, prata e billón, desde o reinado de Afonso VIII (1188-1230) ata o de Carlos II (1665-1700). O influxo do Camiño de Santiago orixinou a aparición de moeda estranxeira, e en tempos de Diego Xelmírez (1100-1140) creouse a ceca de Santiago de Compostela, activa desde tempos de Afonso VI (1065-1109) ata Fernando III (1217-1252), que permitiu realizar os pagamentos derivados da construción da catedral compostelá e a aparición na cidade do gremio dos cambiadores. Na ceca compostelá cuñáronse diñeiros, medios diñeiros de billón, óbolos e medios diñeiros de Afonso VIII. Destacou tamén a ceca de Lugo, que cuñou diñeiros de billón durante os reinados de Afonso VII (1111-1157), Fernando II (1157-1188) e Afonso VIII (1188-1230); e a de Tui, que cuñou moeda ao Rei Fernando I de Portugal (1367-1383), barbudas e medias barbudas de prata. A alteración na composición do billón deu lugar á aparición do marabedí como imposto que o pobo pagaba ao rei para que non alterase a moeda polo tempo que se acordara en Cortes. Aínda que o marabedí tamén existiu como moeda física, cuñada en ouro, prata e billón, a súa función principal derivou á dunha especie de conta para a avaliación doutras moedas. A derradeira ceca galega foi a de Xubia (Narón) que estivo activa desde 1811 ata 1868 e cuñou moedas de cobre. O Banco de La Coruña, creado polo Real Decreto de 28 de novembro de 1857, e o Banco de Santiago, creado polo Real Decreto de 15 de maio de 1864, foron as dúas entidades galegas que emitiron billetes de xeito oficial, aínda que existiron numerosas entidades locais e particulares que en épocas de carestía económica emitiron papel moeda. -
s
f
[ECON]
Parte da oferta monetaria dun país, composta de billetes máis moeda metálica, e que tamén se denomina efectivo en mans do público. No caso do Estado español, a moeda de curso legal é distribuída polo Banco de España, e está constituída por billetes emitidos polo Banco de España e polas moedas metálicas que son amoedadas polo Ministerio de Facenda.
-
s
f
[ECON]
Unidade monetaria propia dun país.
-
[ECON]
-
moeda convertible
Moeda que pode ser intercambiada polo seu detentor, dentro duns límites de cantidade determinados, polo equivalente en moeda doutro país, ao tipo de cambio establecido entre ambas as dúas.
-
moeda feble
Moeda que ten un valor inestable ou con tendencia a perdelo constantemente en relación coas fortes. As moedas febles adoitan corresponder a países subdesenvolvidos con elevadas taxas de inflación e problemas de pagamento no exterior.
-
moeda forte
Moeda que ten un valor estable no mercado internacional de cambios ou unha consolidada tendencia a revalorizarse respecto ás outras moedas. Corresponden, normalmente, a países que gozan dunha estabilidade de prezos e unha menor taxa de inflación ca o resto e tamén de excedentes na súa balanza de pagamentos.
-
moeda convertible
-
[NUMIS]
-
moeda de conta
Representación dun valor monetario moi superior ao da moeda corrente, que se usa para expresar cantidades moi elevadas. Poden considerarse como tal, o talento e a mina do antigo Oriente, a libra en Grecia e o soldo na Europa medieval e moderna.
-
moeda miúda
Moeda de máis ínfimo valor, que representa unha fracción da unidade monetaria. Desde a época medieval mantívose esta denominación para os diñeiros e os óbolos de billón, que aparecen documentados como “diñeiros miúdos” ou simplemente “miúdos”.
-
moeda de conta
Frases feitas
-
Pagar na/coa mesma moeda. Responder alguén a unha acción recibida con outra acción similar.
Refráns
- O carto falso de noite pasa cun nisco de maña.