monetario -ria

monetario -ria

(< lat monetarĭu)

  1. [ECON]
    1. adx

      Relativo ou pertencente á moeda.

    2. oferta monetaria

      Activos máis líquidos (cartos en efectivo e depósitos á vista en poder das unidades económicas) posuídos polo público, que se corresponden cos pasivos máis esixibles do sistema financeiro. Esta definición non é aceptada por todos os economistas. Milton Friedman considera que a idea do diñeiro inclúe os depósitos de aforro e de prazo, os cartos en efectivo e o diñeiro bancario. John Gurley e Edward Stone Shaw propoñen substituír o concepto de diñeiro polo de “cantidade monetaria de todos os activos” o que suporía aplicar coeficientes de liquidez a calquera tipo de depósito e endebedamento. A polémica atópase na cuestión de que para uns o diñeiro é basicamente un medio de pagamento, e para outros, unha forma de reserva de valor.

    3. política monetaria

      Parte da política económica que establece as normas que regulan a cantidade de diñeiro ou liquidez da economía coa finalidade de conseguir algún obxectivo determinado (control da inflación ou melloras na balanza de pagamentos). Refírese tamén ao uso de controis monetarios por parte do goberno para regular a economía. Neste sentido, inclúe medidas como a restrición ou o incremento da oferta monetaria e a actuación sobre o tipo de interese, entre outras. A política monetaria supón a intervención do goberno para regular calquera desviación do sistema monetario. Cada un destes obxectivos supón a utilización de métodos diferentes, e o conxunto de métodos coñécese co nome de instrumentos da política económica. Antes de J. M. Keynes, a política monetaria era o único instrumento da política económica global admitido e tiña como obxectivo a estabilidade de prezos. Co que se chamou revolución keynesiana, introduciuse a política fiscal e o obxectivo de eliminar o desemprego. Outros obxectivos, como a xestión da débeda, o equilibrio da balanza de pagamentos ou o mantemento dunhas taxas de crecemento predeterminadas, foron aparecendo despois da Segunda Guerra Mundial e estableceron a cuestión da compatibilidade entre os obxectivos e da eficacia dos instrumentos.

    4. sistema monetario

      Conxunto de normas legais e de institucións en que se reflicte o aspecto monetario das economías modernas. A súa complexidade deriva tanto da diversidade de funcións do diñeiro como do seu carácter social.

    5. teoría monetaria

      Parte da teoría económica que estuda os problemas referentes ao valor da moeda e aos efectos da cantidade de diñeiro no sistema económico. Antes de J. M. Keynes, o diñeiro considerábase soamente un medio de pagamento xeralmente aceptado, e o ámbito de estudo da teoría monetaria reducíase á análise das variacións do poder adquisitivo e do nivel xeral de prezos. A influencia da achega de J. M. Keynes no campo da teoría monetaria pódese resumir dicindo que a maior parte dos traballos actuais de investigación sobre diñeiro poden considerarse aplicacións, ampliacións ou críticas da achega keynesiana ou keynesianismo. A importancia crecente dos fenómenos monetarios nas economías avanzadas e o perfeccionamento do instrumental analítico e teórico influíu positivamente no desenvolvemento da teoría monetaria.

    6. unidade monetaria

      Unidade estándar da moeda ou medio oficial de cambio de cada estado. Baixo o réxime do patrón ouro e tamén mentres foron efectivos os acordos de Bretton Woods, o valor da unidade monetaria definíase determinando o peso de ouro fino ao que equivalía, aínda que, na práctica, se fixaba a paridade en relación co dólar ou a moeda internacional máis utilizada. A relación ou o cociente entre dúas unidades monetarias chámase tipo de cambio.

  2. s m
    1. Colección ordenada de moedas e medallas.

    2. Moble en se gardan ordenadamente as moedas e medallas.