montaña

montaña

(< lat *montanĕa < lat mons, montis)

  1. s f [XEOG]

    Elevación natural do terreo, onde a altitude depende dunha superficie xeral de referencia, que é a do nivel do mar. Denomínase montaña cando supera como mínimo os 350-400 m de altitude. En xeral, fálase de montaña baixa cando non chega aos 1.000 m de altitude, de montaña mediana se oscila entre 1.000-2.500 m e de montaña alta se supera esta última cifra. As montañas aparecen ás veces relativamente illadas (macizos, relevos en inselberg), pero normalmente aparecen agrupadas formando sistemas montañosos, como serras. Con outro criterio de diferenciación, tamén se fala de montaña vella, é dicir, cun relevo moi erosionado, e de montaña nova, referido aos relevos de orixe recente, aínda pouco desgastadas. Diferéncianse tres partes fundamentais nunha montaña: a base, as abas ou flancos e o cumio. As montañas fórmanse principalmente por efectos oroxénicos e tectónicos (dobramentos, fallas) e polo vulcanismo. Os dobramentos oroxénicos elevan a unha altitude considerable os materiais depositados previamente nun xeosinclinal, como é o caso dos Pireneos e Os Alpes. Os relevos debidos ás fallas orixinan desprazamentos verticais que dan lugar ás fosas tectónicas, ou de afundimento e aos horste, ou bloques elevados, como a Selva Negra. Os relevos volcánicos fórmanse pola erupción de lava e outros materiais. Unha intrusión magmática crea normalmente un alombamento dos materiais que están por riba dela. Unha vez formadas as montañas son rapidamente atacadas polos axentes erosivos, que tenden implacablemente á súa destrución. A forza erosiva depende dunha serie de factores como o clima, a dureza dos materiais ou o recubrimento vexetal.

    Confrontacións: monte.
    1. s f [XEOG]

      Parte montañosa dun territorio.

    2. clima de montaña [CLIMAT]

      Tipo de clima propio da montaña, caracterizado pola diminución das temperaturas, a inversión térmica durante o inverno, a formación de sistemas de ventos típicos e o aumento das precipitacións. A temperatura diminúe co aumento da altitude, 0,6°C cada 100 m, malia que este valor varía por mor de factores locais, como a insolación ou a estación. A inversión térmica prodúcese a causa da acumulación dunha masa de aire fría nas terras baixas, mentres que nas partes altas quedan as masas de aire máis cálidas. A formación duns sistemas de ventos característicos vén motivada polas diferenzas térmicas entre os cumios e os vales; así, orixínanse brisas diúrnas e nocturnas e ventos violentos, producidos por unha forte elevación das temperaturas (föhn). No réxime de precipitacións inflúe sobre todo o descenso das temperaturas, as masas de aire saturadas condensan o vapor de auga, ao estar en contacto coas terras altas e máis frías, e provocan as precipitacións.

  2. s f

    Elevación que se forma pola acumulación artificial dalgún material.

  3. s f

    Territorio do interior, por oposición á ribeira ou mariña.

    Ex: Na montaña fai moito máis frío ca na costa.

  4. s f

    Cantidade moi grande de algo.

    Ex: Teño unha montaña de traballo para mañá.

    Sinónimos: montón.
  5. s f

    Cousa que resulta moi difícil de facer ou solucionar.

    Ex: Sempre fai unha montaña dos seus problemas.

  6. montaña rusa [XOGO]

    Atracción de feira que consiste nunha pista con altos e baixos moi pronunciados en que se instalan vehículos sobre vías férreas, que se moven a gran velocidade pola forza da gravidade.