Monterrei
Monterrei
Denominación de Orixe creada pola Orde de 25 de novembro de 1994 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e ratificada pola Orde do 19 de xaneiro de 1996 do ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (1996). A zona amparada para a produción deste viño atópase ao sur da provincia de Ourense, constituída polas subzonas do val de Monterrei e a ladeira de Monterrei. As variedades de uva permitidas polo consello regulador son, como variedades preferentes para as brancas, o godello, a dona branca e a treixadura, e para as tintas a mencía e o bastardo; e como complementarias nos brancos as vides de palomino, e nos tintos as denominadas gran negro e Alicante ou garnacha tintoreira.