Monterrei, castelo de
Construción situada en Monterrei. Ao igual que ocorreu coas terras de Monterrei, mantívose inicialmente baixo o señorío do mosteiro de San Salvador de Celanova. Adscrito á coroa desde o s XIV ata mediados do s XV, coa fundación do Condado de Monterrei (1474), pasou a mans desta familia. A súa situación, no alto dun outeiro, conferiulle unha grande importancia como enclave militar. O complexo estaba rodeado por un triplo recinto defensivo composto por unha muralla, unha contramuralla e un murallón. No primeiro recinto atopábanse a ermida, o castelo (finais do s XV), do que destaca a galería renacentista e as torres: a de homenaxe, con base cadrada e coroada por unha cornixa sostida por ménsulas, a torre das Damas (s XIV), de proporcións máis reducidas e contigua ao castelo, e á torre de Don Sancho (1482), a máis pequena das tres. Destaca a galería renacentista do castelo. A igrexa debeu ser construída a mediados do s XIV, en estilo gótico. Consta de nave única e ábsida rectangular e no seu interior atópase a capela dos condes de Monterrei. Fóra deste primeiro recinto amurallado e situados nos extremos do terreo onde se atopa a fortaleza, erguéronse o convento de San Francisco e o Colexio da Compañía de Xesús, que non se conservan. O antigo hospital de peregrinos (1429) e a igrexa de Santa María Graza (1274) completaban o conxunto. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1931.