xaponés
(
-
adx
Relativo ou pertencente a Xapón, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Xapón.
-
s
m
[LING]
Lingua aglutinante illada de orixe descoñecida que algúns autores inclúen dentro das linguas altaicas e outros supoñen que provén dun antepasado común das linguas altaicas e das austronesias. Fálase en Xapón e en sectores das illas Hawaii, de California e de Brasil. Ten unha gran variedade dialectal e o dialecto de Toquio é o que se considera idioma oficial. O xaponés moderno é o resultado dun compromiso entre a lingua escrita antiga e a lingua falada moderna. Escríbese en columnas verticais de dereita a esquerda e é o tránsito dunha mestura de caracteres chinos e kana (signo silábico da escritura xaponesa). É unha lingua rica en vogais onde as palabras indíxenas rematan sempre en sílaba aberta e incluso os préstamos estranxeiros se presentan baixo esta forma, a non ser que teñan un n final, que é posible conservar en xaponés. Morfoloxicamente pódense distinguir dúas grandes categorías de palabras, variables e invariables, entre as que figuran os nomes. A sintaxe ofrece regras comúns ás linguas altaicas: o determinante precede ao determinado e o predicado intervén sempre ao final dunha frase. A documentación máis antiga en xaponés son unhas inscricións feitas en caracteres chineses no s V.
-
arte xaponesa
[ARTE]
Arte desenvolvida en Xapón. Ten carácter relixioso e civil e concede moita importancia ao baleiro. A arquitectura, arquitrabada, empregou a madeira, ao igual que a escultura, de ornamentación contida, que tamén usou metais, marfil e laca. Foi común o emprego da acuarela e a augada sobre papel ou seda en forma de rolos despregables. Un primeiro período, o Iomon (s VI a C-600 d C), caracterizouse por pequenas figuras esquemáticas de terracota e o metal introduciuse no momento da cerámica Yayoi (s III? a C). O período Nara (600-794) tivo influencias da arte chinesa da dinastía T’ang (pagode de Yakushiji e mosteiro de Hōryūji) e o Heian (794-1184) representou a asimilación das influencias budistas chinesas (mosteiro de Kasuga, en Nara). En pintura apareceu a escola yamato-e e na escultura o yosegui, ou técnica do encadeado de diversas pezas de madeira. Do período Kamakura (1184-1392) son o mosteiro de Shariden, en Kamakura, as pinturas de Enichi-bo e a escultura monumental do Gran Buda de Kamakura. No período Muromachi (1392-1573) destacaron en pintura Seshu e Masanobu. O período Monoyama (1573-1615) representou a secularización da arte e o período Ero (1615-1868) foi o da occidentalización, no que destacou a escola ukiyo-e. A época moderna representou a confrontación entre a arte tradicional e a occidental. En arquitectura destacaron especialmente Kenzo Tange e Arata Isozaki.
-
cine xaponés
[IMAX]
Produción cinematográfica realizada en Xapón. O éxito máis destacado do cine mudo xaponés foi Nani ga kanojo o so Saseta (1930), de Shigeyoshi. A época florecente iniciouse co éxito, en Venecia, de Rasho-mon (1950), de Akira Kurosawa, que continuou en 1951 con Saikaku ichidai Onna, de Kenji Mizoguchi, e en 1953 con Ugetsu Monogatari, do propio Mizoguchi. Tamén destacaron K. Ichikawa, M. Kobayashi, T. Imai, Y. Ozu, S. Hisamatsu e S. Yamamoto. A crise industrial orixinada pola televisión provocou que os grandes produtores abrisen os seus mercados aos temas da xuventude, dirixidos por novos cineastas. Nese momento naceu o novo cine xaponés, controlado política e economicamente, que chegou ao seu punto álxido coas creacións dalgúns dos seus mellores realizadores, como S. Imamura, Y. Masumura, N. Oshima, H. Teshigahara e Y. Yoshida. No terreo creativo, o gran cineasta de todos os tempos foi Kurosawa, quen dirixiu Ran (1986) e foi premiado cun Oscar honorífico en 1990. Outros que consolidaron a súa posición no terreo internacional foron S. Suzuki, con Zigeurerweisen (1981), N. Oshima, con Merry Christmas, Mr. Lawrence (1983), e Y. Yoshida con Ningen no Yakusoku (1986). A eles cómpre engadir Y. Itami, con A-ge-man (1990) e M. Yanagimachi, con Himatsuri (1984). Entre os premiados internacionalmente destacan K. Oguri, con Shi No Toge (1990) e K. Kumai, con Sen No Rykiu (1989). No eido da animación cómpre salientar a M. Shinoda con Akira (1989), que obtivo un gran recoñecemento en Occidente, ou S. Hayashi, con Metrópolis (2002).
-
literatura xaponesa
[LIT]
Literatura desenvolvida en Xapón. Despois das cancións e dos poemas da primeira época arcaica de Yamoto (400-710), comezou un período de crecemento da literatura en Xapón, moi influenciada pola chinesa (período Nara, 710-794). As dúas primeiras obras escritas foron as crónicas históricas Kojiki (Memorias dos acontementos da humanidade, 712) e Nigonhi (Anais do Xapón, 720), ademais de poesías dunha gran perfección, das que 4.500 están recollidas na Manyōshū (Colección das mil follas, 760), a maior antoloxía xaponesa. O período de Heian (794-1185) é a época clásica xaponesa, e a antoloxía máis coñecida é Kokinshū (Colección de poesías antigas e modernas, 905). Nesta época escribíronse por vez primeira textos en prosa en lingua xaponesa (ata ese momento facíase en chinés), como Taketori Monogatari (Historia dun leñador), e cara ao ano 1000 a prosa xaponesa xa conseguira unha calidade apreciable, como Ise Monogatari, Tosa Nik ou Sarastina Nikki. No apoxeo do período de Heian apareceu a novela Genji Monogatari (A historia do príncipe Genji, 1010), de Murasaki Shikibu, unha das obras máis importantes da literatura xaponesa. Nun estilo máis realista destaca Makura no Sôshi (As notas do coxín), de Seishônagon (966-1013). Despois da idade de ouro do período Heian, comezou unha época decadente que durou catro séculos: son os períodos Kamakura (1186-1332), Nombokuchō (1332-1392) e Muromachi (1392-1603). Nestes tempos as meditacións budistas foron moi populares, apareceu un conxunto de novelas histórico-cabaleirescas, como Heike Monogatari (Historia do Taira) e, nos ss XII-XIV, xurdiu o teatro Nō, dramas líricos provenientes da pantomima do baile Kakura, cunha forte influencia do budismo. No período Togukawa (1603-1868) creáronse novas formas literarias. Destacaron o narrador Ihara Saikaku, o poeta de haiku Matsuo-Bashō, o dramaturgo Chikamatsu e o novelista Kyôkutei Bakin. A partir da segunda metade do s XIX xurdiron as tendencias occidentalistas, ás que se opuxeron as tradicionalistas: Futabatei Shimei (realismo), Kôda Rohan (romanticismo), Shimazaki Tôson (naturalismo) e Akutagawa Ryûnosuke (idealismo). Cara á década de 1920, a obra de escritores socialistas como Arishima Takeo e Mushakôji Saneatsu favoreceu o desenvolvemento dunha literatura marxista, reprimida pouco antes da Segunda Guerra Mundial e durante a Guerra de Corea. Destacan Dazai Osamu, Ôoka Shôhei, Tanizaki Junichirǒ e, entre os máis novos, Yukio Mishima, quen se suicidou ritualmente como protesta pola occidentalización da cultura xaponesa. En prosa cómpre salientar tamén a Abe Kôbô, Noma Hiroshi, Shiina Rinzo, Takeda Taijun, Hotta Zene e Ishikawa Jun; e en poesía a Ayukawa Nobuo, líder do grupo Arechi. O escritor Kawataba Yanusari foi Premio Nobel de Literatura en 1968. Desde o comezo da década de 1970 a literatura xaponesa debátese entre a fidelidade á tradición e a influencia occidental. Destacan os narradores Kenzaburo Oé, Premio Nobel de Literatura en 1994, Machi Tarawa, Mineo Higashi, Aono Sô e Emiko Sakurai, e os poetas Shuntaro Tanikawa, Makoto Ooka, Satô Hiroaki e Sasaki Mikirô.
-
música xaponesa
[MÚS]
Arte musical cultivada en Xapón. A teoría musical xaponesa e moitos dos seus instrumentos proceden da música chinesa. Os instrumentos principais son o biwa, de catro cordas, o shamisen, semellante á guitarra, o koto, cítara de trece cordas, e o shakuhachi, frauta do s XIV. A maioría dos xéneros antigos aínda sobreviven: as danzas bugaku, o drama musical No (s XIV), os kouta, poemas cantados do s XVI, e os naga-uta (s XVII). Da escola moderna xaponesa destacan Yoritsune Matsudaira (1907), Toshiro Mayuzumi (1929), Kazuo Fukushima (1930) e Toru Takemitsu (1930).