Xeración dos 50
Grupo literario que reúne os autores, nacidos entre 1930 e 1940, que comezaron a publicar na década de 1950. Tamén se coñece como Xeración das Festas Minervais, debido a que case todos os seus integrantes se deron a coñecer neste certame poético, celebrado en Santiago de Compostela desde 1953, ou Xeración La Noche, porque colaboraron no xornal vespertino La Noche. Os seus membros estiveron vinculados á Editorial Galaxia, de Vigo, na que publicaron a colección Illa Nova. Aínda que non son un grupo homoxéneo, caracterizáronse por romper co galeguismo culturalista e emprender un tipo de poesía no que expresan a condición problematizada da sociedade en que viven. Viaxaron por Europa e interesáronse polo movemento da beat generation estadounidense e polo existencialismo, así como polo jazz e o rock, o teatro do absurdo e o nouveau roman francés. Algúns deles fundaron a editorial e o grupo Brais Pinto cando estudaban e residían en Madrid. Os poetas máis importantes desta xeración foron A. Avilés de Taramancos, U. Novoneira, X. L. Méndez Ferrín, Manuel María, Bernardino Graña, A. Cribeiro, M. Cuña Novás, S. García-Bodaño, X. L. Franco Grande, A. López Casanova e Xohana Torres.