xofre
(< lat sulphŭre)
-
s
m
[QUÍM]
Elemento non metálico, de número atómico 16 e peso atómico 32,06, que pertence ao grupo VIA da táboa periódica. O xofre natural está constituído por unha mestura de catro isótopos naturais, estables, con masas 32, 33, 34 e 36. Son coñecidos, ademais, seis radioisótopos artificiais do elemento, un dos que, 35 S, cunha vida media de 87 días, se emprega como trazador. Detectouse a súa presenza no Sol, nas estrelas novas, na Lúa e nos meteoritos. Aparece na natureza formando parte dos sulfuros (calcopirita, cinabrio), dos sulfatos (anhidrita, celestina) ou como xofre elemental (fumarolas, solfataras e depósitos sedimentarios provenientes da redución do xeso). Atópase tamén como compoñente minoritario no gas natural e no petróleo. A obtención do elemento lévase a cabo tanto por recuperación dos subprodutos (SO 2 e H 2 S) da metalurxia dos sulfuros ou da industria do gas natural, como a partir dos depósitos sedimentarios elementais. O xofre preséntase en forma dun sólido amarelo claro, constituído por moléculas cíclicas de S 8 , e pode existir en dúas variedades cristalinas: α (rómbica) e β (monoclínica). Ten unha forte tendencia á catenación e presenta unha reactividade elevada. Goza de propiedades redutoras e non é afectado polos ácidos non oxidantes. Forma tres series de compostos en que actúa coas valencias 2 (sulfuros, polisulfuros, haloxenuros), 4 (dióxido de xofre, haloxenuros, sulfitos) e 6 (trióxido de xofre, ácido sulfúrico, haloxenuros, sulfatos). Intervén na constitución de toda unha gama de grupos funcionais da química orgánica e deu lugar a diversos tipos de compostos como os tioles, tioéteres, tioaldehidos, sulfóxidos, sulfonas ou tiocianatos. Ademais, o xofre ten un importante papel biolóxico: intervén na constitución de diversos aminoácidos, de enzimas e hormonas, así como na vitamina B 1 . Atopa numerosas aplicacións e é unha das materias básicas para a industria química, que se emprega fundamentalmente na fabricación do ácido sulfúrico e os sulfatos. Tamén se utiliza na preparación da pasta de papel, na vulcanización de caucho e na fabricación da pólvora negra. En agricultura, utilízase como produto fitosanitario e ten diversas aplicacións como raticida, funxicida e acaricida.
-
dióxido de xofre
[QUÍM]
[SO 2 ]
-
hexafluoruro de xofre
[QUÍM]
[SF 6 ]
-
trióxido de xofre
[QUÍM]
[SO 3 ]