1 xunta

1 xunta

(< xuntar)

  1. s f

    Reunión de persoas que tratan sobre un tema.

    1. s f

      Grupo de persoas que dirixen, administran e gobernan unha comunidade.

    2. s f [ADM/HIST]

      Entidade destinada a ocuparse de cuestións especializadas, integrada xeralmente por técnicos e membros da administración. A súa orixe remóntase ao s XVI e destacan as celebradas na primeira metade do século para tratar sobre a conquista e colonización das Indias. A súa proliferación foi especialmente importante durante os ss XVII e XVIII a pesar do descontento que isto provocaba na oligarquía nobiliaria que controlaba os consellos, que deste xeito perdían funcións, ao ser o seu funcionamento máis formalista e lento. Destacaron a Junta de Reformación (1618-1625), que propuña a reforma do estado, a Junta de Gobierno , creada por Filipe IV no seu testamento para asesorar a rexente Mariana de Austria durante a minoría de idade de Carlos II, ou a Junta Suprema del Estado , que desde 1787 convocou a reunión dos ministros para tratar asuntos de goberno. Co proceso revolucionario iniciado en 1808 (Guerra da Independencia), xurdiu unha nova clase de xuntas baseadas nunha forma de consenso popular que as diferenciaba dos organismos estamentarios propios do Antigo Réxime. Formáronse entón dezaoito xuntas provinciais que posteriormente deron paso á creación, en Aranjuez, da Junta Central Suprema y Gubernativa del Reino (1808). Co triunfo dos liberais, creáronse as Juntas Provinciales de 1820 e a Junta Provisional Consultiva , que interveu na designación do primeiro ministro e convocou as cortes. Do mesmo xeito e contraria ao réxime, os absolutistas crearon a Junta Apostólica . A partir do s XIX, o nome de xunta asociouse a unha forma revolucionaria de poder emanada do pobo de xeito que cada momento revolucionario deu lugar á creación de novas xuntas que dirixiron a loita e aspiraron a consolidar o seu poder a través dunha nova xunta central. Aínda así, tanto políticos como militares foron contrarios á constitución das mesmas e nalgúns casos conseguiron facelas fracasar, como no caso do movemento que en 1843 derrocou a Espartero. De novo xurdiron as Juntas Provinciales de 1854 , co novo intento de Espartero por acadar o poder e cuxa actuación foi impotente ante a contrarrevolución de 1856. Máis importancia tiveron as Juntas Revolucionarias de 1868 , constituídas despois do triunfo da sublevación que derrocou a Isabel II, pois dirixiron o movemento e promulgaron as primeiras medidas reformadoras. O termo caeu en desuso a partir de entón e coa aparición dos partidos obreiros foi substituído polo de comité. En 1917, non obstante, recuperouse coa formación das Juntas Militares de Defensa e en 1931 coa creación das Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista .
      A formación de xuntas no Reino de Galicia
      Ata a reforma administrativa de 1834 inherente á formación do estado liberal, Galicia formou parte da Coroa de Castela e ostentou o título de Reino de Galicia, que desde o s XVI estivo representado polas sucesivas xuntas. A súa orixe remóntase á Xunta Xeral de Procuradores das Cinco Provincias celebrada en Santiago de Compostela (1500), como unha xuntanza para tratar asuntos de carácter fiscal. Desde 1528, os procuradores das cinco provincias (Betanzos, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Santiago), ás que se sumaron desde mediados do s XVI A Coruña e Tui, decidiron reunirse anualmente, formando a Xunta do Reino de Galicia . Estableceuse deste xeito a xunta como un organismo intermedio entre a Coroa de Castela e o Reino de Galicia, sen funcións gobernativas, encargada de xestionar e poñer en marcha as peticións ao monarca. A súa convocatoria podíase celebrar a petición das propias cidades, a iniciativa do Real Acuerdo ou do gobernador, aínda que o normal, especialmente desde o s XVII, era que o rei as convocase e establecese a temática que se quería tratar. Aínda que progresivamente solicitaron á coroa un aumento das competencias ordinarias, que recaían nos funcionarios reais, e a perpetuidade dos foros, durante o s XVIII as súas funcións decaeron ante unha administración central máis poderosa. A súa escasa capacidade para encarar a dinámica social púxose en evidencia durante os acontecementos revolucionarios de 1808, durante a Guerra da Independencia. Neste marco xurdiron as Xuntas de Armamento e Defensa , de orixe popular e co obxectivo común de defender os dereitos dinásticos de Fernando VII e a expulsión dos franceses do territorio español. Así, ademais da Xunta Suprema e Gobernativa do Reino de Galicia (1808), constituída durante o baleiro de poder provocado pola marcha da familia real de Baiona, e da Xunta Superior de Galicia (1810), creáronse neste momento unha gran cantidade de xuntas provinciais e locais, co fin de contribuír ao armamento e a defensa do territorio. Durante o Trienio Liberal (1820-1823) destináronse varios organismos a acoller os ditados do novo réxime, tales como as Xuntas Provinciais de 1820 ou a Xunta de Censura de Galicia , creada (1820) polo goberno liberal para vixiar a liberdade de imprenta. Pero tamén xurdiron as asociacións promovidas polo bando contrario, absolutista, como a Xunta Apostólica de Galicia (1820), ou a Xunta de Purificación (1825) creada para investigar as vinculacións dos membros da Universidade de Santiago de Compostela co réxime liberal. En 1840, para manifestar o apoio ao pronunciamento de Espartero, constituíronse as Xuntas Progresistas e a Xunta Suprema Central de Galicia , aglutinadora dos apoios das diferentes xuntas provinciais e, unha vez nomeado rexente (1840), creáronse as Xuntas de Vixilancia e Defensa , para controlar calquera intento de levantamento contrario a el. En 1843 creouse a Xunta Central de Galicia que unía as distintas cidades galegas sublevadas despois de que Espartero disolvese as Cortes. Pretendían a creación dunha xunta central e a convocatoria de Cortes Constituíntes e erixirse como un órgano de goberno político, militar e económico de Galicia mentres a situación en España non se consolidase. Unha década máis tarde celebráronse tamén as Xuntas Provinciais de 1854 , para manifestar o apoio das principais cidades de Galicia ao goberno de Espartero (1854-1856) e a Xunta de Salvación (1854), formada fundamentalmente por militares, co mesmo fin.

    3. xunta municipal [DER]

      Organización de actuación municipal.

  2. s f

    xugada.

  3. s f [ANAT]

    articulación.

    1. s f

      Punto onde se unen dúas cousas.

      Sinónimos: xuntura.
    2. s f [CONSTR]

      Espazo entre dúas pezas dunha obra, xeralmente cheo dun material de unión.

    3. xunta de dilatación [TECNOL]

      Elemento de unión entre dous tubos ou dúas barras que é capaz de absorber os esforzos que aparecen coas variacións da lonxitude producidas por efectos térmicos.

    4. xunta de estanquidade [TECNOL]

      Elemento que se coloca entre dúas pezas fixas ou na zona de contacto entre dúas pezas con movemento relativo para asegurar respectivamente a estanquidade da unión ou a do dispositivo da que forman parte. Pode ser de distintos materiais, como a goma (natural ou sintética), coiro, amianto, teflón ou nailon.

    5. xunta universal [TECNOL]

      Encaixamento que permite a transmisión do movemento de rotación entre dúas árbores de eixes xeométricos coincidentes pero que forman entre si un certo ángulo. Ten o inconveniente de que a velocidade da árbore conducida varía ao longo dunha rotación. É o tipo de dispositivo que montan as árbores de transmisión articuladas.

  4. xunta de comercio [ECON/HIST]

    Institución representativa da bur­guesía comercial creada para promover a actividade industrial e mercantil.

  5. xunta de portavoces [POLÍT]

    Órgano interno do parlamento composto polos voceiros dos grupos parlamentarios baixo a dirección do presidente da asemblea lexislativa.