Xunta Preautonómica
Órgano de goberno do réxime preautonómico galego, dotado de personalidade xurídica plena. O 16 de marzo de 1978 aprobouse o Decreto de Autonomía Transitoria polo que se constituíu a preautonomía galega e se instaurou a Xunta como órgano de goberno. O goberno formalizouse no pazo de Xelmírez o 18 de abril de 1978 baixo a presidencia de Antonio Rosón Pérez, de UCD, que contou ademais con membros dos partidos con representación nas Cortes con grupos sen representación política como os galeguistas históricos ou personalidades da vida cultural que formaron parte das comisións de transferencias. Este primeiro goberno estaba organizado en tres secretarías (Xeral, Emigración e Interior) e oito consellerías (Agricultura, Gandaría e Montes; Cultura; Educación e Ciencia; Enerxía, Industria e Comercio; Ordenación do Territorio; Pesca; Sanidade e Seguridade Social; e Traballo). O 3 de xullo, segundo a proposta de Rosón, a Xunta fixo una convocatoria xeral chamando á colaboración na elaboración do Estatuto de Autonomía. A Xunta convocou a Asemblea de Parlamentarios o 16 de decembro para tratar as comunicacións recibidas e acordouse formar a Comisión dos 16 para elaborar o anteproxecto do Estatuto. As conclusións presentáronse ao presidente o 9 de abril e ao mes seguinte formouse a Comisión dos 9, encargada da redacción do texto legal. Rosón foi cesado do posto de presidente e o 9 de xuño de 1979 comezou o segundo goberno preautonómico presidido por José Quiroga Suárez, tamén de UCD. Este segundo goberno estaba formado por 6 consellerías (Agricultura, Gandería e Montes; Educación e Cultura; Pesca; Industria, Comercio e Turismo; Ordenación do Territorio, Urbanismo e Transportes; e Administración Local), ademais de contar con 12 conselleiros sen carteira. A Comisión dos 9 entregou o texto o 25 de xuño. O proxecto modificouse polo Pacto do Hostal (29.9.1980) e o novo texto foi aprobado pola Asemblea de Parlamentarios e a Comisión Constitucional o 29 de outubro. Tras a celebración dun referendo (21.12.1980) e a promulgación do Estatuto o 6 de abril de 1981, celebráronse as primeiras eleccións autonómicas en outubro dese mesmo ano. Quiroga Suárez cesou como presidente da Xunta Preautonómica o 21 de xaneiro de 1982, data en que tomou posesión do cargo o primeiro presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, de AP.