bacinete
(< fr bassinet)
Casco medieval de forma ovoide que no s XIII se levaba debaixo do grande helmo; durante a mesma centuria comezouse a usar como defensa principal da cabeza. Un dos máis antigos textos europeos que o mencionan é a crónica de Desclot. Na segunda metade do s XIV o bacinete converteuse no casco máis usado polos cabaleiros; era de forma cónica ou ovoide e chegaba a cubrir as orellas e a noca e a parte posterior do colo, no bordo inferior levaba unha tira de coiro que amosaba unha serie de buracos que coincidían con outros feitos no metal do casco; a través destes buracos ensartábanse aneis de mallas da parte superior do almófar. O bacinete e o almófar convértense nunha perfecta protección da cabeza, colo e a parte superior do busto e do lombo, quedando só descuberta a face. No s XV engadíuselle unha peza metálica e redonda denominada babeira que protexía todo o colo, co que o almófar quedou en desuso.