balance

balance

(

  1. s m

    Movemento de inclinación dun corpo alternativamente a un lado e a outro dun punto fixo.

    Ex: Maréome moito co balance dos barcos cando atraveso a ría.

    Sinónimos: abaneo, bambeo, oscilación, balanceo. Confrontacións: abaneo, bambeo, oscilación.
  2. s m

    Confrontación do activo e do pasivo dun negocio para coñecer o seu estado.

  3. s m

    Comparación dos feitos favorables e desfavorables dunha situación.

    Ex: O balance da situación política non é moi positivo.

  4. s m

    Resultado dun feito ou dun asunto.

    Ex: Non se coñece aínda o balance final de víctimas.

  5. [AERON]
    1. s m

      Movemento de oscilación dunha aeronave ao redor do seu eixe lonxitudinal.

    2. adquirir balance

      Afastarse da posición de equilibrio.

    3. balance holandés

      Movemento de oscilación dunha aeronave, composto do balanceo da guinada e do escorregamento lateral.

  6. [ECON/DER]
    1. s m

      Documento contable que resume os datos referentes ás operacións administrativas dun patrimonio de acordo cun sistema de contas determinado. Ten por finalidade comprobar as anotacións realizadas, presentar a situación das finanzas, reflectir o conxunto de operacións dun grupo de valores ou de todos os dun patrimonio e xustificar aspectos parciais do control administrativo.

    2. s m

      Estado extractado ou derivado de anotacións contables a partir do que se fai constar, se comproba ou se demostra a exactitude de ditas anotacións ou dun resultado da xestión da empresa.

    3. balance da economía nacional

      Rexistro de todos os activos netos das unidades económicas do país que, en conxunto, forman o capital nacional. Este está constituído polos bens fiscais do país (casas, fábricas, terreos, estradas, stock de produtos rematados, etc) e pola diferenza entre os dereitos das unidades económicas do país sobre bens doutros países e os dereitos estranxeiros sobre bens do país. As situacións debedoras e creditoras entre cidadáns do país (billetes en circulación, débeda pública interior, títulos de propiedade, préstamos, etc) non forman parte do capital nacional, posto que ao efectuar o balance consolidado constitúen partidas do signo contrario, que permanecen canceladas. O balance de capital nacional, xuntamente coa forza laboral e técnica, é un elemento determinante da potencialidade económica do país, de tal xeito que adoita existir unha estreita relación entre o capital nacional existente e o produto nacional dun período determinado.

    4. balance de comprobación

      Balance baseado no principio de igualdade final de débedas e abonos do procedemento contable da partida dobre, e que trata de comprobar as anotacións. Comprende o balance de sumas e o balance de sumas e saldos.

    5. balance de resultados

      Estado que expresa o movemento positivo e negativo dos elementos da conta, de perdas e ganancias, durante o exercicio.

    6. balance de situación

      Síntese do balance xeral na que se presentan as contas en grandes grupos patrimoniais e normalmente ordenadas no activo e no pasivo segundo a súa maior ou menor dispoñibilidade e a súa esixibilidade máis ou menos inmediata, respectivamente.

    7. balance de sumas

      Balance de comprobación co que se trata de demostrar a coincidencia entre as sumas das contas do libro maior e a suma total de operacións rexistradas no libro diario.

    8. balance de sumas e saldos

      Balance de comprobación formado polo balance de sumas e a adición dos saldos de cada conta ou subconta.

    9. balance social

      Informe sobre as prestacións e os cargos sociais dunha empresa, tanto directos como indirectos. O ámbito social considerado é o de toda a xente que ten relación coa empresa: asalariados, accionistas, clientes, subministradores e público en xeral. O informe comprende o enunciado da política social da empresa, os obxectivos previstos e as medidas adoptadas.

    10. método dos balances

      Sistema básico da planificación socialista centralizada. Distínguense dous tipos de balance. O balance material, ou orzamento material, no que se tratan de previr os recursos dos que disporá a economía nun período determinado e os usos aos que se poderán destinar estes recursos producidos. Exprésase en unidades físicas (quilogramos, metros, etc) que só son válidas para cadanseu sector produtivo. Posto que a comparación entre recursos e usos para o conxunto da economía é imposible, existe o balance sintético ou en valor, que permite engadir todas as actividades produtivas e esixe a valoración de cada un dos bens produtivos de cada sector. Existen tres tipos de balance sintético: o de produción, o de afectación e o de ingresos e gastos.

  7. [FÍS]
    1. s m

      Comparación entre os estados inicial e final dun sistema físico, prestando especial atención aos cambios dalgunha magnitude física.

    2. balance enerxético

      Resultado de tomar en consideración todas as formas de enerxía que interveñen nun proceso físico ou químico, coa intención, xeralmente, de facelo concordar coa lei da conservación da enerxía.

    3. balance entálpico/balance térmico

      Estudio do rendemento dun sistema termodinámico, baseado na medición da enerxía ou traballo total producido e a comparación coa enerxía consumida e perdida.

    4. balance neutrónico

      Nun reactor nuclear, balance entre o número de neutróns producidos por fisión e o de neutróns absorbidos polo combustible nuclear ou perdidos por fugas.

  8. [INFORM]
    1. s m

      Proceso consistente en calibrar as diferentes canles de cor nun sistema informático, electrónico ou audiovisual que ten como obxectivo lograr que as cores das imaxes impresas ou virtuais obtidas por medio deles se asemellen na medida do posible ás reais.

    2. balance de brancos

      Proceso que se realiza cunha cámara web, cámara de vídeo ou televisión mediante o que se prepara o equipo para obter imaxes de acordo á luz dispoñible no lugar onde teña que operar.

    3. balance de cores

      axuste de cor.

  9. s m [MAR]
    1.   Movemento de oscilación transversal dun barco que fai que se escore a unha e outra banda. Nas embarcacións antigas de madeira e velas o balanceo era a miúdo causa de naufraxio; os buques metálicos levan aletas estabilizadoras, aletas de balanceo e diferentes tipos de estabilizadores.

    2.   Movemento de oscilación dun barco que recobra a súa posición de equilibrio despois de escorar. Unha embarcación que teña unha grande estabilidade inicial balancea facilmente; un barco estreito e lastrado ten falta de estabilidade inicial, pero non obstante ten un balance suave. As mellores condicións sitúanse entre estes dous extremos, e os arquitectos navais esfórzanse en evitar que a embarcación sexa demasiado balanceira, para que conserve sempre a máxima estabilidade inicial. O conxunto das velas ten a particularidade de evitar e amortecer o balance. A idéntica oscilación (sincronismo) que, en ocasións, o buque experimenta con respecto ás ondas, pode ser perigosa. É necesario variar ese ritmo, o que se consegue cambiando lixeiramente o rumbo de navegación.

  10. s m [TECNOL]

    Dispositivo que permite regular a intensidade dos sinais de saída transmitidos polas dúas vías dunha cadea estereofónica.

  11. s m [TECNOL]

    Defecto producido pola non-perpendicularidade entre o eixe xeométrico da árbore dun corpo xiratorio (como unha roda dentada) e o plano de rodamento deste, que provoca o desprazamento do plano real de rodamento a un e outro lado do seu plano teórico.

  12. balance bípedo [ANTROP/FISIO]

    Tipo de locomoción que se caracteriza polo desprazamento do corpo a inclinarse, de xeito alternativo, en sentidos opostos; trátase do modelo de locomoción bípeda característico dos chimpancés e australopitecos. Este tipo de movemento está provocado pola constitución das extremidades inferiores: pelve longa, fémures dirixidos cara a fóra, articulación do xeonllo e pés prénsiles, que facilitan o bipedismo, pero obrigan a camiñar coas pernas arqueadas, o que provoca o balanceo característico destes primates.

  13. balance enerxético da Terra [XEOG]

    Balance da radiación recibida e emitida pola Terra, calculado durante un período de tempo xeralmente longo. A radiación solar chega á superficie terrestre a través da atmosfera, que tamén canaliza a radiación terrestre. O equilibrio entre a radiación recibida e a emitida pola Terra explica a estabilidade térmica do planeta.

  14. balance glacial [XEOL]

    Nun glaciar ou ice-sheet, suma alxebraica das cantidades positivas que representan a alimentación e das negativas que representan a ablación.

  15. balance hídrico [XEOG]

    Resultado de tomar en consideración a auga precipitada sobre un territorio determinado e a auga que o solo perdeu por evaporación directa, por evapotranspiración a través das plantas, ou pola circulación fluvial e freática.

  16. balance hidroelectrolítico [FISIOL]

    Relación en que se atopan nun momento dado a auga e os electrólitos do organismo, especialmente o sodio e o potasio. A súa determinación é importante nas situacións clínicas de deshidratación, insuficiencia renal e outras, e mantense mediante técnicas de fluidoterapia.

Frases feitas

  • Facer un bo balance. Pescar moito nunha redada.

Palabras veciñas

Balakovo | balalaica | balancada | balance | balancé* | balancear | balanceira