Krause, Karl Christian Friedrich

Krause, Karl Christian Friedrich

(Eisenberg, Saxonia 4.5.1781 - Múnic 27.9. 1832) Filósofo. Estudiou na Universidade de Jena cando estaban como profesores I. H. von Fichte e F. W. J. von Schelling. En 1831 trasladouse a Múnic. A filosofía de Krause, con seguidores en Bélxica, Países Baixos e, sobre todo, España, aspiraba a ser a verdadeira continuadora da filosofía kantiana, que el consideraba que fora mal interpretada por Fichte, Schelling e G. W. F. Hegel. O seu sistema, chamado panenteísmo, non identifica o mundo e Deus, senón que afirma a realidade do mundo-en-Deus e presenta a historia como a ascensión racional do home a Deus e como o descenso de Deus ao home. A súa metafísica aplicouse á ética e á filosofía do dereito e rexeitou a visión hegeliana do estado. A súa obra abrangue un amplo abano de disciplinas e problemas filosóficos, destacan Das Urbild der Menschheit (O ideal da humanidade, 1811), Entwurf des Systems der Philosophie (Esbozo do sistema de filosofía, 1804) e Reine allgemeine Vernunftwissenschaft (Ciencia pura e xeral da razón, 1885).

Palabras veciñas

Krasnyj Luč | Kraus Trujillo, Alfredo | Krause, corpúsculo de | Krause, Karl Christian Friedrich | krausismo | krausista | krausita