krausismo
(< antropónimo K. Ch. F. Krause)
Corrente filosófica que toma como base o pensamento de Karl Christian Friedrich Krause, que el denominou racionalismo harmónico. Defende o panenteísmo, no que afirma a realidade do mundo como mundo-en-Deus. Fronte á teoría absolutista do estado, resalta a importancia de asociacións chamadas de finalidade universal, como a familia e a nación. Na obra Das Urbild der Menschheit (O ideal da humanidade, 1811) inclúense Os mandamentos da humanidade, esencia da ética krausista. Entre os krausistas cómpre citar a Röder, Schliephake e Leonhardi; e Tiberghien, Ahrens e Nieuwenhuis, que difundiron as doutrinas en Bélxica e Países Baixos. En España o krausismo converteuse nun movemento de renovación espiritual e, en particular, educativa. Un dos principais krausistas españois foi Julián Sanz del Río que, en 1857, redactou un escrito curto titulado Racionalismo armónico, definición y principios. A mediados de 1860 apareceu o seu Ideal de la humanidad para la vida, tradución do texto básico do movemento krausista en que se recollen un conxunto de traballos publicados con anterioridade por Krause na revista Tagblatt. Non obstante , mesmo anteriores a Sanz del Río, foron as noticias sobre o krausismo do coruñés Ramón de la Sagra (1798-1871). A dimensión educadora de Krause encontrou na ILE unha forma de realización. Progresivamente, fóronse incorporando elementos positivistas, neokantianos, hegelianos e socialistas. Acúsanse tamén influencias de Pestalozzi, Fröbel e Rousseau. Tamén seguiron o movemento krausista Giner de los Ríos, Salmerón, Azcárate, Labra, Uña, Moret, Moreno Espinosa e o galego Luís Hermida. Giner traduciu a Estética de Krause. Ademais do profesor catalán da Universidade de Santiago de Compostela, cómpre mencionar os krausistas galegos Xoán Sieiro González, Eduardo Moreno López, Augusto González Linares, Laureano Calderón e Xoán Vicente Viqueira.