figueira

figueira

(< lat ficarĭa)

  1. [PLANTA]
    1. s f

      Árbores, arbustos ou plantas gabeadoras do xénero Ficus, da familia das moráceas, caracterizadas por presentar flores pequenas e unisexuais reunidas en inflorescencias axilares, ou sicóns, constituídas por un receptáculo piriforme, carnoso na madurez, cunha pequena abertura apical. Estes sicóns son comunmente denominados figos e no caso dalgunhas especies resultan comestibles para o home. As figueiras presentan látex, que en moitos casos teñen propiedades e usos medicinais e noutras interese industrial. Moitas figueiras emiten raíces aéreas, ata máis de 300, que se proxectan ata o chan dende as pólas e sérvenlles de soporte ás densas e amplas copas das árbores que poden acadar os 600 m de perímetro. A madeira das figueiras é branda e pouco duradeira, e as follas dalgunhas serven como forraxe para o gando. Moitas son valoradas como ornamentais en interior como planta de maceta, en xardíns e no exterior en zonas de condicións climáticas benignas, como é o caso das costas mediterráneas. O interese ornamental -son das plantas de maior venda en Europa- recae nas follas lustrosas e, nalgunhas variedades cultivares, nos coloridos que acadan. Existen unhas 750 especies, de distribución fundamentalmente tropical e subtropical -principalmente no sueste de Asia e África-, e menos comúns nas zonas temperadas de ambos os hemisferios.

    2. figueira común [cast: higuera común][Ficus carica, Fam das moráceas]

      Figueira de ata 8 m de altura, de tronco curto e groso, coa codia de cor cinsenta, que en estado natural se ramifica con frecuencia dende a base; presenta copa redondeada, ampla e densa. As follas, de entre 10 e 20 cm de lonxitude, son ásperas e de cor verde escura, posúen un longo pecíolo, están dispostas de xeito alterno e presentan entre 3 e 7 lóbulos de bordo lixeiramente dentado. Os figos son arredondados ou piriformes e de cor, dependendo das variedades, dende o verde ata o púrpura moi escuro. Os figos das plantas silvestres (Ficus carica variedade caprificus) dependen da fecundación das avespas pequenas do xénero Blastophaga, que transmiten o pole entre inflorescencias e producen infrutescencias con sementes. A maior parte das figueiras cultivadas teñen inflorescencias con flores femininas de xeito exclusivo e producen figos maduros sen necesidade da fecundación. Estes figos partenocárpicos non teñen sementes. Algunhas figueiras presentan unha primeira colleita de figos partenocárpicos e unha segunda moito máis abundante de figos con sementes procedentes dunha fecundación cruzada. Orixinaria de Asia menor e da rexión mediterránea, cultívase abundantemente no S de Europa.

    3. figueira do caucho [cast: árbol del caucho, gomero][Ficus elastica, Fam das moráceas]

      Figueira de ata 10 m de altura, de tronco curto e groso, ramificado dende pouca altura, coa codia cinsenta e lisa, con rachas horizontais e copa ampla. As follas, de entre 12 e 30 cm de lonxitude, e pecíolo de ata 5 cm de lonxitude, son elípticas, coriáceas, de cor verde lustrosa, bordo liso e veas moi finas. Están dispostas de xeito alterno e nos gromos foliares están cubertas por unha longa estípula arrubiada. Os froitos son esféricos, de 1 cm de diámetro, e sésiles. A súa área orixinal de distribución é Asia tropical. Foi a principal fonte de caucho ata que foi desprazada pola Hevea brasiliensis, que o produce cunha maior calidade e cantidade.

    4. figueira do demo/ figueira do inferno/figueira tola

      Denominación que recibe a Datura arborea debido ás súas propiedades alucinóxenas.

    5. figueira india [cast: laurel de Indias; ingl: Indian laurel][Ficus microcarpa, Fam das moráceas]

      Figueira de ata 10 m de altura, de copa ancha e densa, coa codia cinsenta e lisa, e a base do tronco ensanchada. As follas son perennes, de ata 9 cm de lonxitude, coriáceas, elípticas, de cor verde escura e dispostas de xeito alterno. Os froitos, de ata 1 cm de diámetro, son piriformes e de cor púrpura, e están presentes na árbore todo o ano. A súa área de distribución orixinal é dende o sur e sueste de Asia ata Australia. Emprégase como árbore para facer sombra en avenidas e paseos de cidades do S de España.

  2. s f

    errugas que lles saen ás vacas no ubre.

Palabras veciñas

figo | figo | Figueira | figueira | Figueira Brava, A | Figueira da Foz | figueiral