materia

materia

(< lat materĭa)

  1. s f
    1. [FÍS/FILOS]

      Aquilo que, xuntamente coa enerxía, constitúe o universo físico. A filosofía e a física pretendían, ata finais do s XIX, definir a materia polas súas calidades esenciais, que, en principio, consistían na extensión, na impenetrabilidade e na inercia. No s XVIII os enciclopedistas franceses engadiron a mobilidade, o peso e a “forza activa” (a eléctrica, por exemplo). A tendencia redutora do racionalismo e do positivismo, aínda así, mantivo ata o s XX a identificación da materia só coa inercia. Outros quixeron reducir a materia á enerxía ou substituíla por esta pero, segundo a lei da relatividade, isto equivale a reducila á inercia. A filosofía contrapuxo a materia á forma, entendendo aquela como o elemento constitutivo da realidade, que queda invariable baixo todo cambio. Inseparable da forma, a materia compréndese como distinta da forma pola razón. A doutrina aristotélica, neste aspecto (que relaciona a materia coa potencia e, ao mesmo tempo, a forma co acto) deu lugar, na escolástica, ao hilomorfismo. Desde un punto de vista gnoseolóxico comportou, así mesmo, a distinción entre o elemento material do obxecto do coñecemento (que, segundo o tomismo, determina este na súa singularidade, percibida nada máis pola intuición sensible) e a forma intelixible. O presuposto da incognoscibilidade da materia foi negado por diversas correntes da mesma tradición filosófica occidental e ata escolástica (Plotino, Duns Escoto e Francisco Suárez), pero ten en Immanuel Kant un carácter peculiar e á vez radical. Superado o hilomorfismo, o presuposto dunha materia inintelixible carece de sentido.

    2. [FILOS]

      Calidade esencial do real, en contraposición ao espírito, en virtude da que as cousas existen independentemente do feito de que sexan coñecidas pola consciencia. Se se entende esta como a consciencia humana, a afirmación da realidade material deu lugar ao realismo, en contraposición ao idealismo. Se se entende á vez a mesma consciencia divina (da que, polo tanto, a realidade existente queda independizada), incide no materialismo, en contraposición co espiritualismo.

    3. Calquera substancia que se diferenza doutra pola súa constitución.

      Ex: O carbón é unha materia inflamable. 

  2. s f
    1. Parte fundamental dun estudo ou dun xuízo.

    2. Asunto ou contido dun escrito, dunha exposición falada, dunha conversa ou dun escrito.

      Ex: As relacións internacionais foron materia de estudo de varios relatorios.

      Sinónimos: tema.
    3. [EDUC]

      Disciplina ou grupo de disciplinas que integran un programa que vai ser ensinado dentro dun período de tempo determinado (xeralmente un curso académico), formando parte dun plan de estudios.

      Ex: Temos que estudialo todo, aínda que o profesor non conseguiu dar toda a materia. Suspendeu matemáticas, aínda que é a súa materia preferida. 

  3. s f [RELIX]

    Conxunto de xestos e obxectos externos que acompañan as palabras rituais constitutivas da forma dun sacramento, como botar auga e a ablución no Bautismo.

  4. materia carolinxia/de Francia [LIT]

    ciclo carolinxio.

  5. materia escura [ASTRON]

    Materia que, presumiblemente, conforma o 90% da masa total do Universo.

  6. materia interestelar [ASTRON/FÍS]

    Materia de densidade moi baixa distribuída polo espazo interestelar en forma de gas interestelar e, en proporción moito menor, de po. Durante o s XIX aceptábase que o espacio interestelar estaba completamente baleiro. A comezos do s XX, o feito de que nunhas certas rexións do firmamento non se vise brillar ningunha estrela fixo pensar na existencia de importantes condensacións de materia que absorbesen a luz das estrelas que debía haber ao redor. Posteriores observacións confirmaron esta hipótese. Estas condensacións de materia preséntanse como extensas nubes luminosas, denominadas nebulosas brillantes, ou como nubes escuras, denominadas nebulosas escuras. Os elementos máis abundantes no espazo interestelar son o hidróxeno neutro e o helio. Con cantidades inferiores aparecen o carbono, o nitróxeno, o osíxeno, o calcio, o sodio e outros en proporcións aínda menores. Entre as moléculas interestelares destacan CH, CH + , CN, OH, CO, CS e outras en moi pequenas cantidades. En 1969 descubriuse a existencia no espazo interestelar dunha gran cantidade de formaldehido, composto que semella ser precursor de todas as moléculas que teñen importancia na química da vida. OBS: Tamén se denomina medio interestelar.

  7. materia intergaláctica [ASTRON]

    Materia constituída por gas e partículas de po que existe no espacio exterior das galaxias. Prevista teoricamente antes de ser descuberta e observada, as teses que afirman a súa existencia son, por unha banda, que todas as galaxias se formaron a partir da condensación da grandes nubes de gas e po, e polo tanto algunha parte destas nubes debeu quedar sen condensar no espacio, antes ocupado por toda a materia que deu lugar á galaxia; por outra banda, algunhas estrelas deben escapar do interior da galaxia e así vagan polo espacio interestelar esparexendo parte dos seus materiais a medida que evolucionan.

  8. materia médica [MED]

    Parte da terapéutica que ten por obxecto a descrición da orixe, os caracteres e a constitución de todos os axentes terapéuticos.

  9. materias primas [ECON/IND]

    Recursos que se extraen directamente da natureza para utilizalos nun posterior proceso de produción. En sentido estricto, son considerados como tales os recursos agrícolas e de orixe mineral, aínda que o termo se pode estender a todos tanto a aqueles produtos resultantes dunha elaboración previa que son empregados, en xeral, como medios de produción, como a aqueles elementos, produtos ou substancias que se someten a un proceso de fabricación ou de transformación para obter un produto acabado.

  10. [ANAT]
    1. materia branca

      substancia branca.

    2. materia gris

      substancia gris.

  11. materia purulenta [PAT]

    pus.

Frases feitas

  • En materia de. loc prep Con respecto a. Ex: En materia de viños, non hai ninguén tan entendido coma el.

  • Entrar en materia. Abordar, despois dun preámbulo, a materia que se propón tratar.

Formas incorrectas

asignatura

Palabras veciñas

Matera | Matera | materia | materia | material | materialidade | materialismo