abalar, pedra de
Toda pedra produto de procesos erosivos de distinta orixe (depósitos glaciares, diáclase, etc), que se mantén en equilibrio de xeito que é posible provocarlle un movemento pendular cun lixeiro pulo. Esta característica inspira dende tempos ancestrais tradicións, rituais e lendas, integrándose plenamente no xenérico culto ás rochas. Por consecuencia deste aspecto cultural e mitolóxico, moitas delas aparecen na actualidade cristianizadas con cruceiros, capelas ou ermidas no seu contorno. Unha das características comúns que cumpren todas estas abaladoiras é o seu emprego na adiviñación, seguindo a seguinte pauta para a súa interpretación: o movemento da pedra debe ser entendido como unha resposta afirmativa á pescuda realizada, en tanto que a inmobilidade se corresponde coa negación. Esta virtude serviu, no pasado, para recoñecer a culpabilidade ou inocencia de moitos acusados, como parece que sucedeu coa pedra do monte Bostelo en Culleredo e a de Alfoz. Así mesmo, por consecuencia deste aspecto tradicional, diferentes historiadores galegos quixeron atribuírlles unha intencionalidade humana na prehistoria. Nas distintas comarcas galegas reciben nomes diferentes: abaladoiras, baladas, cabaleiradas, de abalo, moventes ou penas de embade. En Galicia son moi abundantes de aí que, aínda que a máis coñecida sexa a Pedra da Barca en Muxía, cómpre salientar tamén a Pena da Congra en Melide, a Pena dos Arcos en Ponteareas ou a de Pereiro en Castro de Ouro.