abandono

abandono

(< abandonar)

  1. s m

    Acción e efecto de abandonar ou abandonarse.

    Sinónimos: desamparo, desidia, renuncia. Antónimos: amparo, coidado, amparo.
  2. s m [DER]

    Acción de renunciar á propiedade de bens ao desprenderse das posesións coa intención de perder o dominio, que se converte a partir dese momento en res nullius, propiedade que pode ser adquirida por calquera persoa que a atope e a tome en posesión. A diferenza da perda, o abandono é un acto voluntario.

  3. s m [DER]

    Acción que en determinadas circunstancias pode exercer un asegurado ao solicitar o pagamento da suma asegurada a cambio de ceder á aseguradora a propiedade das cousas, nave ou mercadorías, que son obxecto do seguro.

  4. s m [DER]

    Delito cometido por un funcionario ou por un militar ao abandonar voluntariamente e sen consentimento de superiores, ou sen comunicar a renuncia, o posto ou as funcións ás que foi destinado. Cando o abandono o realiza un soldado ou mariñeiro considérase deserción.

  5. s m [DER]

    Abstención voluntaria por parte do interesado nun procedemento xudicial ou administrativo de actuar no tempo preestablecido para exercer unha acción ou recurso legal.

  6. s m [DEP]

    Renuncia a proseguir nunha competición. Permitido en deportes individuais, polo xeral, un participante abandona cando non pode proseguir por razóns físicas (lesión ou esgotamento). No boxeo maniféstase ben porque o boxeador alza o brazo, ben porque o seu adestrador tira a toalla ao ring cando considera que aquel se atopa en inferioridade de condicións fronte ao adversario. Nos deportes colectivos o abandono da competición oficial por parte dun equipo pode implicar fortes sancións, chegando ao descenso de categoría ou mesmo á prohibición de participar nas seguintes edicións.

  7. [MAR]
    1. s m

      Acción de abandonar a tripulación unha embarcación polo feito de esgotárense as posibilidades de loitar contra unha avaría ou contra un accidente que pon en perigo a seguridade da nave.

    2. sinal de abandono

      Sinal feito con asubío, timbre ou toque de corneta para indicar á tripulación dunha embarcación a necesidade de abandonala e ocupar os lugares correspondentes nos botes salvavidas.

  8. abandono de familia [DER]

    Delito que consiste no incumprimento voluntario dos deberes de asistencia derivados do matrimonio, da patria potestade ou da tutela, por mor dunha conduta ou ben cando coincide co abandono do domicilio conxugal. De igual xeito, abrangue o incumprimento dos dereitos de asistencia económica para a alimentación dos descendentes, ascendentes ou cónxuxe.

  9. abandono do enfermo [DER]

    Delito consistente en deixar desamparada a unha persoa doente ou incapacitada, definido pola lexislación dalgúns estados (Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, etc).

  10. abandono do neno [DER]

    Delito que consiste no abandono dun neno menor de sete anos por parte da persoa encargada da súa custodia.

  11. abandono de terras [AGR]

    Cese, planificado ou espontáneo, da actividade agraria nunha superficie determinada, motivado ben pola contracción da demanda (redución da presión demográfica), ben pola perda de rendibilidade da explotación ou ben por un proceso máis complexo de éxodo rural.

  12. neurose do abandono [PAT]

    Neurose provocada pola ausencia, relaxamento ou a ruptura, real ou imaxinaria, dun vínculo afectivo.

  13. punto de abandono [ASTRON]

    Punto a partir do cal un enxeño espacial deixa de ser impulsado polo seu propio motor e comeza unha traxectoria balística.

Refráns

  • A compaña do aforcado: ir con el e deixalo encolgado.
  • A vella que non pode andar, que a leven a un areal e alí que a deixen quedar.
  • Casa pechada, casa esborrallada.
  • Casa sen xente, niño de ratos.
  • Hoxe irei, mañá irei, mal a casa coidarei.
  • Na casa do carpinteiro, bancos eoxos e vellos.
  • Na casa do cura, cando non chove, barruza.
  • Na casa do ferreiro, coitelo de pau, e na do carpinteiro, sentarse no chau.
  • Na casa do ferreiro, espeto de pau.
  • O que logo empeza, logo o deixa.
  • Por un cravo pérdese a ferradura.
  • Quen aos seus desagarima, nada aos aIIeos lIes pida.
  • Se queres pasar un mal día, deixa a túa casa e vaite á da veciña.
  • Se te vas e me deixas ¿a quen contarei as miñas queixas?
  • Se te vas e me deixas ¿a quen lle contarei as miñas queixas?

Palabras veciñas

abandonar | abandonismo | abandonista | abandono | abandoxar | abaneadura | abanear