aberto -ta

aberto -ta

(< lat apĕrtu < latapĕrīre‘abrir’)

  1. p irreg

    de abrir.

  2. adx
    1. Que sufriu abertura.

      Ex: O bote está aberto.

    2. Que permite o paso.

      Ex: O camiño da fonte estaba aberto a pesar das chuvias do inverno.

    3. Espacio amplo e sen ningún obstáculo.

      Ex: Saíu a campo aberto para observar a fauna. 4

  3. adx [FÍS]

    Circuíto ou elemento do circuíto que presenta discontinuidade e, polo tanto, non permite o paso da corrente eléctrica.

  4. adx [FILOL/LING]

    Fonema que en posición tónica se realiza, articulatoriamente, mediante unha separación intermaxilar ou linguopalatal que crea unha maior abertura para a saída do aire. En galego os fonemas vocálicos /E/ e /O/ (présa [prEsa], óso [Oso]) son abertos, fronte a /e/ e /o/ que son pechados (presa [presa], oso [oso]).

  5. adx [FILOL/LING]

    Termo empregado por Punya S. Ray que designa aquela variedade lingüística que se pode deixar influír por outra.

  6. adx [HERÁLD]

    Castelo, torre ou pazo que presenta aberturas nas portas e nas fiestras, a través das cales se ve o campo e o esmalte da peza que está cargada.

  7. adx [HERÁLD]

    Ás dunha ave cando están separadas do corpo.

  8. adx [MAT]

    Nun espazo métrico E, dise do conxunto C tal que, dado un punto calquera a de C, existe unha distancia d tal que todos os puntos de E situados a unha distancia do punto a inferior a d pertencen ao conxunto C. Así, entre os intervalos da recta real, os únicos abertos son os intervalos abertos.

  9. adx
    1. Persoa que manifesta unha actitude comprensiva e receptiva fronte a situacións ou criterios diversos.

      Ex: A miña nai ten unha mentalidade moi aberta e acepta calquera forma de vida.

      Sinónimos: indulxente, tolerante, transixente.
    2. Persoa que se comunica facilmente cos demais, establecendo unha relación sincera e franca.

      Ex: A túa irmá ten un carácter moi aberto, fai amizades rapidamente.

Frases feitas

  • Aberto de man. Persoa xenerosa.

  • Aberto de par a par / aberto de pau a pao. Aberto por completo.

  • Aberto de xenio Persoa franca.

  • Aberto aos catro ventos. Con buracos por todas partes.

  • Andar cos ollos abertos / andar cos oídos abertos. Andar con coidado, con atención.

  • Quedar coa boca aberta. Quedar abraiado ou aparvado por algo.

Palabras veciñas

Aberri Eguna* | aberta | abertal | aberto -ta | abertura | abertzale* | abertzalismo*