acción

acción

(< lat actiône)

  1. s f

    Efecto producido pola actividade dunha cousa sobre outra.

    Ex: A acción da chuvia nas rochas erosiónaas. A acción dos raios do sol, que entraban a través da ventá, foi sacándolles a cor ós meus apuntamentos.

  2. s f

    O que alguén fai.

    Ex: As súas boas accións axudaron a escolarizar os nenos máis pobres.

    Sinónimos: acto, obra.
  3. s f

    Dinamismo, actividade continua que se produce ao realizar algo.

    Ex: A constante acción que lle producía ser detective privado era o que lle atraía desa profesión.

  4. s f

    Posibilidade, liberdade para actuar.

    Ex: Con tan poucas prerrogativas impedíalle a acción.

  5. s f
    1. Movemento do corpo que manifesta un estado de ánimo, unha intención.

      Ex: Fixo a acción de agredila pero non lle deu. Con esa acción espantou os ladróns.

    2. As actitudes e os xestos que acompañan a palabra dun orador ou actor cando está desenvolvendo o seu rol.

  6. s f [ARQUIV]

    Acto de outorgar o obxecto do documento segundo o desexo do peticionario.

  7. s f [BÉL]

    Feito de armas; especialmente, combate entre forzas pouco numerosas. O termo aplícase a operacións militares de magnitude intermedia entre un combate e unha batalla. Pode ser ofensiva, cando leva a iniciativa no ataque, defensiva, cando se agarda a acometida do inimigo, ou retardadora, cando o que se intenta é evitala ou, cando menos, retardala.

  8. acción residual [BOT]

    Capacidade que teñen os vexetais para reter os tratamentos antiparasitarios.

  9. s f [CIBERN]

    Proceso que permite modificar o comportamento ou o estado dun sistema organizado segundo unha magnitude de regulamento, mediante un órgano de regulamento que a fai variar.

  10. accións de comunicación comercial [COMUN]

    Conxunto de medidas específicas orientadas a conseguir a introdución dun produto ou servizo no mercado. A súa finalidade é pór en coñecemento do consumidor a existencia do produto e transmitir as características e vantaxes dese determinado ben ou servicio. Para vender un produto, soen empregarse estratexias de venda persoal, relacións públicas, promoción de vendas, publicidade e márketing directo, entre outras.

  11. [DER]
    1. s f

      Facultade para esixir aos órganos xudiciais do estado, normalmente chamados Tribunais de Xustiza, que diten resolución sobre un conflito ou sobre unha petición mediante proceso. Para exercer unha lei cómpre ter, en principio, un dereito ou un interese lexítimo afectado, exceptuando o caso da acción pública. Segundo a lei que o tribunal teña que aplicar para xulgar, fálase dunha acción penal, civil, laboral, etc.

    2. acción de oficio

      Acción civil ou penal incoada polo xuíz ou tribunal por ministerio da lei, a iniciativa do Ministerio Fiscal ou a iniciativa propia.

    3. acción pública

      Acción que pode ser exercida por calquera persoa aínda que non resulte afectada pola cuestión que promove a acción e inclusive polos mesmos tribunais. Aplícase en dereito penal, no que calquera pode promover a persecución xudicial dos delitos, agás dos chamados delitos privados (rapto, inxuria, etc). No dereito administrativo chámase acción popular.

  12. [DER/ECON]
    1. s f

      Cada unha das partes nas que debe estar representado obrigatoriamente o capital das sociedades anónimas e das comanditarias por acción. Cómpre distinguir nunha acción o seu valor nominal, expresado en unidades monetarias, e o seu valor real, polo cal se merca e se vende no mercado mobiliario (resultado de dividir o patrimonio da sociedade polo número de accións sociais).

    2. s f

      Documento que materializa a participación do socio no capital, chamada a miúdo título-valor, necesario para o exercicio dos dereitos políticos e económicos do accionista.

    3. acción de voto plural/de privilexio no voto

      Acción preferente con dereitos políticos non proporcionais ao valor nominal, admitida en Suíza, Gran Bretaña, nos EE UU e, con limitacións, en Francia e Alemaña.

    4. acción en carteira/non subscrita

      Acción retida pola sociedade sen ser aínda adquirida ou subscrita por ninguén.

    5. acción liberada

      Acción que se adquiriu e que o seu valor se aboou totalmente á sociedade.

    6. acción nominativa

      Acción na cal consta o nome da persoa propietaria, para figurar así mencionada no libro de accionistas da sociedade.

    7. acción ó portador

      Acción na cal non consta o nome do seu titular, propiedade da persoa que posúe o documento.

    8. acción ordinaria

      Acción que atribúe ao seu titular o réxime normal de dereitos e obrigas propio da condición de socio.

    9. acción preferente

      Acción que outorga uns dereitos especiais ao seu propietario, que poden consistir nunha diferenza nos dereitos económicos, pero, segundo a lei española, non nos dereitos políticos.

    10. acción subscrita e non desembolsada

      Acción na que a súa adquisición é unha obriga asumida diante da sociedade, pero cun prezo, total ou parcial, que aínda non foi satisfeito.

  13. [FILOS]
    1. s f

      Manifestación dunha capacidade activa, contraposta á paixón (no sentido de pasividade), ou dunha función ou capacidade física do home, por oposición á idea ou pensamento. Aristóteles definiu a acción como un proceso e o seu resultado como consecuencia dunha elección deliberada. A relación entre o ser e a acción foi moi discutida ao longo da historia; na actualidade pódense dividir entre teorías causalistas, que atenden só a causas na explicación da acción, e finalistas, que acoden a razóns últimas para explicar a acción. Aínda que moitas veces se presenta como un debate entre deterministas (causalistas) e indeterministas (finalistas) non sempre son equivalentes.

    2. filosofía da acción

      Nun amplo sentido, filosofía que sostén a primacía da acción sobre o coñecemento, como o pragmatismo ou o instrumentalismo. Nun sentido estricto, a filosofía de Maurice Blondel. Así, na súa obra L’action (A acción, 1893) procura reconciliar intelectualismo e pragmatismo, ciencia e relixión, vitalismo e tomismo, promovendo un acordo entre o querer, o coñecer e o ser, o que tamén se definiu como panloxismo.

  14. principio da mínima acción
    1. [FILOS]

      Principio análogo ao do mínimo esforzo, de economía do pensamento, que se refire aos procesos da Natureza. Segundo este principio a Natureza opera sempre empregando o menor esforzo ou enerxía posibles para acadar unha fin determinada. Esta definición foi interpretada de xeitos oposto polas escolas mecanicistas, que está na base do principio mecánico da mínima acción, e teleolóxicas, que oscilan entre recoñecer ese principio como real á Natureza ou ben como unha regra pragmática.

    2. [FÍS]

      Principio de mecánica enunciado por Euler e Lagrange, sobre un enunciado máis vago de Maupertuis, que establece que o movemento dun sistema mecánico se efectúa sempre de xeito que a acción respecto da traxectoria sexa mínima.

  15. s f [FÍS]
    1. Efecto que se producen os corpos ou axentes físicos entre eles.

    2. Magnitude física con dimensións de enerxía por tempo.

  16. acción a distancia [FÍS]

    Interacción instantánea de partículas separadas espacialmente.

  17. principio de acción e reacción [FÍS]

    Nome co que se coñece a terceira lei do movemento de Newton.

  18. [LING]
    1. s f

      Termo que ordinariamente se opón ao de estado.

    2. verbos de acción

      verbo.

  19. [LIT/ESPÉCT]
    1. s f

      Conxunto artellado de acontecementos que forman o argumento ou tema dunha obra literaria ou dunha película.

      Ex: A acción de O lapis do carpinteiro desenvólvese en Santiago.

    2. acción dramática

      Encadeamento dos feitos (vividos ou narrados) polos personaxes na escea; sucesión cronolóxica de episodios en narratoloxía (intriga ou historia) ou na escena (discurso). Nas obras clásicas, a acción repártese en tres momentos: exposición dos acontecementos, nó e desenlace do relato.

  20. interx [ESPECT]

    Exclamación usada en cinematografía para ordenar o inicio da rodaxe.

    Ex: O director iniciou a rodaxe da sexta escena despois de dicir: “Acción!”

  21. acción reflexa [MED]

    reflexo.

  22. acción directa [POLÍT]

    Técnica de loita do sindicalismo revolucionario baseada no enfrontamento directo entre patróns e obreiros, á marxe do marco legal establecido, e rexeitando a mediación por parte de persoas ou institucións alleas ao conflito. As súas formas máis frecuentes son a folga, o traballo lento, o boicot de produtos, industrias e comercios, e a sabotaxe.

  23. lei da acción de masas [QUÍM/FÍS]

    Lei que establece a influencia que, sobre a composición dunha mestura en equilibrio químico, exercen as concentracións ou masas activas das substancias que participan na reacción. Se a reacción vén representada pola ecuación

    FORMULA

    e as substancias reaccionantes B1,..., Bi, B’1,..., B’i teñen no equilibrio as actividades a1,..., ai, a’1,..., a’i, a lei de acción exprésase matematicamente pola relación

    FORMULA2

    onde K, chamada constante de equilibrio, é invariable a temperatura constante. Cando se trata de gases a presións moderadas, que poden asimilarse a gases perfectos, ou de solucións diluídas que obedecen ás leis dos gases perfectos, as actividades poden ser substituídas, con aproximación suficiente, polas fraccións molares, e estas á súa vez poden ser substituídas, polas presións parciais no caso dos gases, e polas concentracións molares no caso das solucións. A lei de acción de masas, expresada en función das concentracións, foi deducida de consideracións cinéticas por Guldberg e Wage no ano 1864 e é unha das máis importantes da química; as súas aplicacións son moi numerosas. No caso dos sistemas heteroxéneos, a lei achega a explicación dos fenómenos observados na disociación térmica, é dicir, na descomposición dun sólido con formación de gas.

  24. acción de contacto [QUÍM/FÍS]

    catálise.

  25. [RELIX]
    1. s f pl

      Conxunto de ritos, cerimonias, funcións, etc.

    2. acción de gracias

      Expresión, manifestación de agradecemento, especialmente á divindade ou a un intercesor diante desta.

      Ex: Miña nai solicitou un Nosopai en acción de gracias.

    3. acción litúrxica

      Celebración ou culto que realiza unha comunidade eclesiástica, segundo un rito determinado.

  26. acción social [SOCIOL]

    Calquera acción executada por un ou varios individuos en función da existencia doutros individuos. Partindo deste concepto formouse a teoría da acción social, póla do condutivismo de M. Weber que considera a acción como a materia última da socioloxía, baseada na observación do comportamento externo, sen considerar o significado da acción para quen a executa.

Palabras veciñas

accio -cia | Acció Catalana | Accio, Lucio | acción | Acción | Acción | Acción Agraria