Acevedo
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica. O topónimo Acevedo, moi abundante na nosa comunidade e en Portugal, é de carácter abundancial; indica un lugar poboado de acivros. A súa orixe está no latín *acifoliu + -etu. De aí que, etimoloxicamente, sexa máis correcta esta forma ca a outra variante gráfica Acebedo. Como apelido xa se documenta desde o s X: “Munio Guttieriz de Azevedo” (doc ano [942-977], O tombo de Celanova de J. Mª Andrade Cernadas, p 224).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe probablemente de orixe gascona. Arnaldo de Baián (ou Gaián) veu da Gascuña alá polos anos 980 para loitar contra os mouros e fundou casa no couto de Acevedo, na Raia Seca, preto de Vilar de Santos. Morreu no cerco de Viseu en tempos de Afonso V de León. Disque un bisneto seu, Egas Gosindo Baián, casado con Ebescua Biegas, tivo un fillo que fundou casa no lugar de Acevedo de Portugal. Os seus fillos, Men Pérez de Acebedo e Hernando de Acebedo, tomaron posteriormente o nome do topónimo por apelido. Men Pérez de Acebedo, encabezou a rama portuguesa que co tempo volvería emparentar coas ilustres liñaxes galegas e o seu irmán, Hernando de Acebedo, chegou a Galicia ao servizo do Rei Afonso VI e asistiu con el á toma de Toledo. Os Acevedo de Portugal entroncaron en España cos condes de Monterrei polo matrimonio de Diego de Acevedo Fonseca e Ulloa con Francisca de Zúñiga e Ulloa, II condesa de Monterrei. O fillo destes, Alonso de Acevedo e Zúñiga, terceiro conde de Monterrei, emparentou, á súa vez, cos condes de Fuentes, Lemos e Andrade. A rama española desta caste espallouse por toda a península e chegaron mesmo a Italia e América. Algúns deles naceron en Nápoles, Palermo, Colombia e México onde entroncaron cos marqueses de Uluapa (Cosío, de apelido). Moitos dos membros desta estirpe ingresaron nas Ordes de Santiago e Alcántara. Na rama galega acadaron sona Alonso, Fernando, Antonio, Francisco Xavier e Vicente Caetano de Acevedo, os condes de Monterrei Gaspar Acevedo e Zúñiga e o seu fillo Manuel de Acevedo e Zúñiga ou os Arcebispos Fonseca, entre outros. En Galicia existen moitas casas blasonadas coas Armas dos Acevedo. Entroncaron nesta terra con familias tan distinguidas como os Abraldes, Oca, Yebra, Cadórniga, Patiño, Arias de Saavedra, Taboada, Ribadeneira ou Bermúdez. As armas dos Acevedo levan, en campo de ouro, un acivro de sinople cun lebreiro branco (ou dous lobos de sable pasantes) atado ao pé do tronco. Atribúeselles tamén un escudo cuarteado onde o primeiro e o cuarto levan, en campo de ouro, unha árbore de sinople arrincada e, o segundo e o terceiro cuartel, un lobo pasante de sable, en campo de prata; o bordo de plata coa lenda en letras de sable: “Arbor bona bonus frutos facit”. Os condes de Monterrei organizan as súas armas nun escudo cuarteado onde o primeiro e o cuarto levan, en campo de ouro, un acivro de sinople e, o segundo e terceiro cuartel, un lobo andante de sable, en campo de prata; bordo de goles, cargado de oito aspas de ouro. Os de Verín traen unha árbore e un lebreiro mentres que outros de Ourense teñen, escudo cuarteado, onde o primiero cuartel leva, en campo de ouro, unha águia de sable; o segundo e o erceiro, en campo de azur, cinco estrelas de prata; e o cuarto, en campo de sinople, un crecente de prata, ranversado; bordo de goles con oito aspas de ouro. A rama castelá, polo seu entroncamento coa casa de Ayala teñen, escudo cuarteado, onde o primeiro e o cuarto levan, en campo de ouro, un acivro de sinople e, o segundo e o terceiro cuartel, un lobo pasante de sable, en campo de prata; bordo de goles con oito aspas de ouro. Os de Navarra, traen escudo terciado en faixa, levando o primeiro tercio, tres flores de lis de ouro en campo de azur; o segundo, cinco roeis de goles postos en aspa, en campo de prata; e, o terceiro, un lobo pasante de cor natural, en campo de goles. Os de México traen escudo cuarteado onde o primeiro, de azur, contén cinco estrelas de prata, postas en aspa; o segundo, de sinople, un crecente de prata ranversado; o terceiro, de ouro, unha águia de sable; e o cuarto, de prata, presenta un león rampante de goles.