Acordo Norteamerticano de Libre Comercio
Acordo asinado en 1992 entre o Canadá, os EE UU e México polo que se creaba no territorio dos tres estados unha zona de libre comercio. O tratado ten como obxectivos eliminarlle os obstáculos ao libre comercio, promover a libre competencia, posibilitar oportunidades de investimento, protexer os dereitos da popiedade intelectual, establecer procedementos para a resolución de conflitos e fomentar a cooperación trilateral, rexional e internacional. Para acadar os seus fins establece unha serie de medidas como unha redución progresiva dos aranceis, que deben desaparecer nun prazo determinado no caso dos produtos máis sensibles, a consideración de produto nacional cun tratamento non discriminatorio para os bens fabricados en calquera dos tres países, a prohibición de fixar impostos á exportación, a apertura das compras do sector público a provedores dos tres países e a eliminación das restrición cuantitativas; se ben se incorporan unhas certas salvagardas en temas sanitarios e medioambientais, así como cláusulas especiais nos sectores agropecuario, do automóbil, téxtil, enerxético e petroquímico. Tamén se considera a eliminación dos obstáculos ao investimento, o fomento do libre establecemento de sevicios financeiros, a disponibilidade, en termos non discriminatorios, das redes públicas e servicios de telecomunicacións e un compromiso de proteción do medio natural. En cambio, mantéñense as políticas laborais e migratorias nacionais. O tratado entrou en vigor o 1 de xaneiro de 1994 e afecta a un conxunto de 370 millóns de consumidores, cun produto interior bruto de 7,8 millóns de dólares e un volume anual de comercio de 400.000 millóns de dólares. Durante os dous primeiros anos de funcionamento as relacións comerciais aumentaron un 14% anual entre os tres socios, principalmente entre México e os EE UU. Chile solicitou a súa adhesión.