adega

adega

(< lat apothēca < gr άποϴἡκη ‘almacén, depósito’)

s f

Estancia onde se elaboran e someten a avellentamento ou maduración as bebidas alcohólicas fermentadas. A tipoloxía das adegas pode establecerse pola súa función, daquela cómpre distinguir entre adegas de fermentación, onde se transforma o mosto en viño, a infusión de malta en cervexa ou, despois da fermentación, o bagazo en augardente, e as adegas de almacenamento, onde teñen lugar os procesos de avellentamento ou maduración. Na actualidade as adegas tradicionais conviven coas adegas modernas, que contan cos últimos adiantos tecnolóxicos e vocación empresarial. A adega tradicional é sempre unha construción pechada na que se procuran unhas condicións de ventilación e frescura idóneas para a conservación do viño. O normal é que a adega forme parte do bloque central da casa, instalándose na planta baixa da mesma; tamén pode aparecer como unha construción exenta ou adxectiva á vivenda. En ambos os dous casos adoitan situarse en espacios rectangulares ou cadrados con piso de terra ou lousa e cubertas a unha ou dúas augas de tella ou lousa. Normalmente albergan un espazo único, aínda que ás veces posúen un muro interior de separación que delimita o espazo da bodega e o dos apeiros de labranza. Nalgúns lugares fronteirizos co Bierzo ou Zamora, aparece un tipo de adega escavada baixo terra, chamada mina, dotada dunha porta de acceso e ventilada a través dunha cheminea vertical. Configuran o espazo interior dunha adega os seguintes elementos:   o pío, unha vasilla troncocónica de madeira de gran tamaño no que se facía a pisada; a moxega, con forma de tronco de pirámide invertida, que se colocaba por riba da boca das cubas e levaba no fondo un coador ou reixa de ferro que se abría para que o bagazo caese no interior da cuba; o piso, un pau ancho na base que unha persoa manexaba coas mans fadéndoo subir e baixar dentro do pío co fin de esmagar as uvas; a enviñadeira, un pau rematado en tres gallas que se empregaba para facer baixar o bagazo que a fermentación acumulaba na parte superior da cuba; e o lagar, xeralmente situado na mesma adega ou nun pendello a carón dela, consistía nun depósito cadrado feito de lousas de pedra e un pouco ergueito do chan. Adoitaba estar pegado á parede e, por riba del, había unha burata con dúas pedras que sobresaían aos lados. Neste sitio artellábase un eixo, trabe ou feixe, que tiña no outro cabo un burato de rosca polo que pasaba un parafuso grandeiro de madeira, fuso, que xiraba á man por medio de dous ou catro tornos. O fuso levaba na base un espigo de ferro que o amarraba e que permitía xirar a armadura de madeira que formaba corpo cunha peza de pedra de forma troncocónica, chamada penso ou pedra. Para que o feixe non se desviase, levaba dous madeiros verticais, virxes, que o collían no medio. Para que saíse o viño, o lagar tiña na base un burato, a biqueira. Había lagares que tiñan un pío de pedra para recoller o viño, aínda que tamén se podía pór un barcal por debaixo da biqueira. Todas as bebidas se gardaban na adega en vasillas de madeira, en cubas, ou en garrafóns de vidro. Para as cubas había no chan dous madeiros perpendiculares á parede, os canteiros, sobre os que se colocaban aquelas suxeitas cunhas cuñas. Cando as cubas eran grandes, as cuñas posteriores levaban unha vara de ferro para poder colocalas dende adiante. A medida que ía diminuíndo o viño, íase baixando a cuba, facéndoa rolar cara a adiante para que o billote quedase máis baixo. Para sacar o viño das cubas estaban os xerros de barro ou de verga, para pequenas cantidades, e as olas ou cabazos, para as maiores. As olas eran de folla de lata ou de cobre e levaban 16 litros. Tamén había medias olas e picholas (3/4 de litro). Para recoller o viño que puidese escorrer do billote poñíase por debaixo daquel un barcal, unha caixa rectangular de madeira de carballo ben mollada para que non deitase o viño polas fendas. Co mesmo fin podían usarse tamén as tinillas, feitas de madeira, dunha soa peza, de forma cilíndrica e con tres pés. En ningunha adega faltaban as cuncas para probar o viño, antigamente de madeira, despois de louza ou porcelana e, tampouco, faltaba o pipote do vinagre, onde se botaba algún viño que, en contacto cos fermentos que contiña a cuba, se transformaba en vinagre. Ao seren as adegas a estancia máis fresca da casa, tamén se gardaban e conservaban nela os alimentos procedentes da matanza, o pan ou outros que houbera que arredar do calor.

Refráns

  • A adega cheira ao viño que ten.
  • A bodega fría quentarse agarda.

Palabras veciñas

adecuado -da | adecuar | adéfago | adega | Ádega | ADEGA | Ádega, santa