ADEGA

ADEGA

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, constituída no ano 1974. Defínese como un grupo conservacionista independente, sen ánimo de lucro e pioneiro do movemento ecoloxista galego. Entre os seus obxectivos figuran provomer e fomentar o estudo e defensa do equilibrio ecolóxico de Galicia, tanto da súa fauna e flora como do ambiente natural. No eido ecolóxico, preocúpase por asegurar unhas condicións idóneas obxectivas e ambientalmente axeitadas para o desenvolvemento integral da poboación e do medio. Declárase pacifista, defensora dos dereitos humanos e da diversidade de culturas, e pon especial énfase na promoción da cultura e da lingua galegas. Territorialmente organízase en delegacións locais con autonomía de actuación distribuídas en Santiago, A Coruña, A Estrada, Ferrol, Lugo, Pontedeume, Marín, Ourense, Carballiño e Vigo. No territorio nacional, conta con grupos de traballo centrados nos ámbitos prioritarios de actuación: forestal, transporte, enerxía, residuos, educación ambiental, concentracións parcelarias, agricultura ecolóxica e outros. Dende a súa fundación, mobilizou diversas campañas reivindicativas en contra da construción de novas fábricas de celulosas en Galicia e dunha central nuclear para Xove, dos vertidos radioactivos na fosa atlántica, da instalación de encoros nos ríos Sela, Umia, Navia e Ulla e da proliferación indiscriminada de minicentrais. Manifestouse a prol da regulamentación do tráfico marítimo no litoral galego, do patrimonio forestal de Galicia (presentando unha iniciativa lexislativa popular en 1989), da xestión axeitada dos residuos sólidos urbanos e da prohibición da incineración (participando da iniciativa lexislativa popular que demandaba un plan de residuos baseado nas tres erres: reciclaxe, reutilización e redución) ou da conservación de diferentes espacios de interese natural nos Ancares, Fragas do Eume, Baldaio, Serra do Xistral, etc. Promove actividades de divulgación e educación ambiental como obradoiros, charlas, rutas e xornadas educativas. Publica diferentes materiais de divulgación sobre temas medioambientais e as revistas Adega Cadernos e Cerna. Así mesmo, forma parte da Federación Ecoloxista Galega (FEG), do Bureau Europeo do Medio Ambiente (BEE) e da Federación Internacional do Lobo.

Palabras veciñas

adéfago | adega | Ádega | ADEGA | Ádega, santa | Adegas Galegas | Adeje