Agostiño/Agostiña

Agostiño/Agostiña
[ONOM]

Este antropónimo de orixe latina Augustinus, deriva de Augustus ‘de bo agoiro, venerable’. Presenta como variantes Agostín e Agosto. Presenta como formas hipocorísticas Chiño, Tin, Tino, Tiniño, Tito/Tina.

Frases feitas

  • Día de san Agostín, noces no rolín. Chuvia miudiña por san Agostiño é como se chovera viño. Por san Agostín fía a mociña xunto do candil. San Agostiño, nin pote nin touciño. Por san Agostiño andan as noces a roliño. Por san Bernardo, caio, non caio. Por san Agostín, nin magosto nin dormir. Expresa que nesta época cando os días se acurtan e as tardes xa son frescas, suprímense as merendas.

  • Por san Agostín, ando no rolín. Fai referencia ás noces.

  • Agora xípralle, Agustín! Expresión que se di cando se perdeu algo por poñer pouco coidado, algo que xa non volve chamando por el; ou cando alguén vai ao tobo, despois de que fuxiu o coello."