Agrupación do Teatro Galego

Agrupación do Teatro Galego

Asociación de compañías e grupos de teatro creada en Vigo en 1978 co obxectivo de desenvolver proxectos que garantiran condicións de estabilidade na produción, distribución e exhibición teatral, así como reforzar a continuidade na organización da Mostra de Teatro Galego e das Xornadas de Teatro, de ámbito ibérico. Nela participaron agrupacións como A Farándula, Escoitade, Teatro Popular Keyzan, Máscara 17, Saudade, Teatro Popular Galego (despois Artello), Alén e Xiada, se ben cedo xurdiron diferencias entre elas e o movemento rematou por se disolver en 1980. Entre as iniciativas que desenvolveron cómpre salientar un proxecto de Teatro Estable Galego e unha proposta de Escola de Teatro.