Agrupación Femenina Lucense
Organización católica feminina fundada na cidade de Lugo o 19 de febreiro de 1932. A súa constitución respondeu á necesidade que o movemento tiña de estenderse por aqueles lugares nos que a súa influencia non era moi forte. Esta agrupación formou parte dunha etapa de fundación masiva de organizacións católico-femininas que, entre 1932 e 1933, se orixinou en toda Galicia. Aínda que dun carácter interclasista declarado fomentaron a afiliación do sector obreiro. A directiva estaba formada por mulleres pertencentes a familias dun nivel social e economicamente alto. A súa fundadora e presidenta foi Mercedes Sánchez Arrieta, unha personaxe fundamental para a comprensión do movemento católico galego da época. A Agrupación Femenina de Lugo abrangueu toda a provincia e artellouse nunha ampla rede de delegacións comarcais, municipais e parroquiais. Desenvolveu unha importante actividade, coa continua celebración de mitins e actos sociais e políticos. Esta grande actividade debeuse, en gran medida, á ausencia dunha organización católica masculina e ao gran dinamismo de Mercedes Sánchez Arrieta. A Agrupación Femenina Lucense estaba afiliada á Unión Regional de Derechas (1931), dende o momento mesmo da súa fundación.