Agrupación Femenina Republicana

Agrupación Femenina Republicana

Asociación fundada na Coruña o 9 de abril de 1933, previa disolución, ese mesmo día, do subcomité coruñés da denominada Liga Internacional de Mujeres Ibéricas e Hispano-Americanas y Cruzada de Mujeres Españolas, que se creara o 1 de xullo de 1932. Acollía a mulleres pertencentes á burguesía ilustrada coruñesa. Foi presidida por Elvira Bao de Varela, era secretaria Amparo López Jean, que sería socia das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, e presidenta da organización en 1934. Nos seus estatutos, aparecen como obxectivos: “Contribuír por todo medio lícito ao triunfo da paz e fraternidade humana, da xustiza social e da democracia, defender o réxime republicano, defender os dereitos femininos dese momento e traballar polos non recoñecidos aínda, impulsar a cultura, especialmente a feminina, practicar a beneficencia e a asistencia social, procurar lecer ás asociadas, etc”. A Agrupación declarou que non estaba afiliada a ningún partido político pero actuaría con tendencia francamente democrática, sen chegar xamais ao extremismo. As asociadas quedaron en completa liberdade para a súa actuación política particular. Con este fin, organizan charlas e conferencias co gallo de incentivar o papel da muller na sociedade. Destacou o discurso pronunciado pola célebre pedagoga María Barbeito Cerviño, o 19 de maio de 1934, baixo o título “La mujer antes, ahora y después”, na que combatía as teorías minusvaloradoras da intelixencia da muller, facendo unha alegación a prol do papel que esta tiña que desenvolver, e reclamando os dereitos que aínda non tiña. Pronunciar esta conferencia foi unha das acusacións que lle fixeron a esta mestra coruñesa no expediente de depuración que se lle abriu, logo do triunfo dos nacionais en 1937. A Agrupación Femenina Republicana relacionaríase con outras entidades políticas e sociais; por exemplo, participou no comité organizador de “La semana del niño” en 1935, con mulleres do PCE, XXSS, IR, PG (a propia Amparo López Jean) ou da Fábrica de Tabacos.