Alá
Nome co que a relixión do Islam designa o ser supremo, creador de todas as cousas e inspirador do ordenamento moral. Tamén o usan os xudeus e cristiáns de lingua árabe. Téñense proposto dúas etimoloxías, unha proveniente do arameo alaha (‘deus’), e outra da contracción do árabe al-ilāh (‘o deus’), denominación que xa existía na Arabia preislámica para designar un deus creador todopoderoso, senón único, si supremo, xa que a denominación Allah e a súa concepción en tanto Deus é anterior a Mahoma. A palabra divina de Alá é revelada ao seu profeta humano Mahoma (ou Mu ḥ ammad, 570?-632), que a compila no Alcorán (‘a lectura’), libro sagrado do Islam; Mahoma deixa ben claro que a doutrina provén do mesmo deus, comezando cada un dos 114 capítulos do libro (chamados sūra ou azora) pola fórmula: “no nome de Deus, o clemente, o misericordioso”. É creador de todo canto existe; é Un en si mesmo e Único, sen igual, Señor impenetrable que non enxendra nin foi enxendrado (en clara oposición á Trindade cristiá). É un deus benfeitor, que “aprende ao home todo o que ignoraba”, polo que o home é responsable e Alá quen de xulgalo, amosando a súa benevolencia e misericordia xa que, omnipotente, pode perdoar, pero discernindo na hora do xuízo aos xustos, consagrados a El e dos que será refuxio, dos impíos, sobre os que descargará a súa cólera por o rexeitar, xa que Alá, “que nunca dorme”, ve e coñece todo, participando en todo acto humano. A tradición dá moita importancia aos “99 nomes máis fermosos de Alá”, que expresan unha serie de calidades que precisan os distintos aspectos da trascendencia de Alá, para aproximar a noción da súa perfección divina. A orde do universo reflicte a potencia creadora de Alá; o musulmán non debe deixarse levar pola tentación de adorar esa orde por si mesma, pero convén que o tome como materia de meditación para así recoñecer “os signos de Deus”.