Alabama

Alabama

Estado do S dos EE UU (133.915 km2; 4.273.084 h [estim 1996]). A capital é Montgomery. Os altiplanos do Cumberland e do Piedmont, separados polo Great Valley apalachián, flanquean o estado polo NL. O resto forma parte da chaira litoral do Golfo de México, accidentada de L a O por unha serie de outeiros (Blak Belt, Red Hills). O río Tennessee drena a rexión N; o Alabama drena a rexión central e o SO, e vai xuntarse co Tombigbee para formar o Mobile. Foi chamado o estado do algodón, aínda que hoxe en día os cereais, as patacas, a horta e a gandería fixeron diminuír a súa importancia relativa. As industrias máis importantes son a química, a téxtil, a metalúrxica e a alimentaria. Destacan as cidades de Birmingham, Mobile, Montgomery, Huntsville e Tuscaloosa. O territorio de Alabama foi explorado polos españois en 1540 e formou parte de Luisiana. En 1763, tralo Tratado de París, pasou á soberanía británica ata 1883, cando trala independencia das Trece Colonias tivo que ceder o N aos EE UU e o S a España. En 1813 os norteamericanos expulsaron os españois e en 1817 creouse o Territorio de Alabama, convertido en Estado en 1819. En 1861 foi un dos estados do sur que formaron a Confederación secesionista (a súa economía baseábase nas plantacións de algodón e tabaco que empregaba man de obra escrava) e na década de 1960 converteuse nun dos principais escenarios da loita polos dereitos civís dos cidadáns afroamericanos. Aínda así a lexislación do estado de Alabama aínda permite (1999) actitudes de discriminación racistas.

Palabras veciñas

Alá | alá | ala! | Alabama | Alabama, Cuestión de | alabandina | alabarca