Albergaría
Liñaxe de orixe toponímica. Nas provincias de Ourense, A Coruña e Pontevedra hai moitos lugares que se chaman Albergaría e Alberguería. A ela pertenceron ilustres cabaleiros da nobreza portuguesa. De orixe controvertida, a rama portuguesa desta caste procede, segundo uns investigadores, dos galegos da Limia onde tiñan a súa casa orixinaria e, segundo outros, da vila de Albergaría, en Moraña. Unha das ramas que saíron deste último lugar fundou nova casa na vila de Verín. Para os antigos xenealoxistas esta liñaxe procede por vía lexítima do Rei Ramiro II porque dun neto natural deste monarca, Sueiro Méndez de Amaia o Bo, descendeu Heremixio Méndez o Fidalgo, cabaleiro do que proveñen os Suárez de Albergaría que pasaron a Portugal onde entroncaron cos condes de Torresvedras e cos Marqueses de Trocifal. As súas armas levan, en campo de prata, unha cruz oca de goles semellante á de Calatrava; bordo de prata con dez escudiños de azur con cinco bezantes de prata cada un, que son as quinas de Portugal.