albergue

albergue

(< gótico *haribaírgo‘aloxamento’ < hariis ‘exército’ e bairgan ‘aloxar’)

  1. s m

    Edificio, establecemento, onde unha persoa atopa aloxamento, tanto se se trata dunha dependencia dun establecemento comercial, que cobra polo servicio, como se é gratuíto. Desígnanse tamén como albergues os refuxios ou cabanas, aínda que non estean habitadas normalmente. Ocasionalmente poden ser establecementos públicos.

    Ex: O Camiño de Santiago ten multitude de albergues.

    Confrontacións: hospedaxe.
  2. s m

    Establecemento dedicado a hospedar viaxeiros e visitantes turísticos, que depende do estado.

    Confrontacións: hospedaxe.
  3. s m

    Establecemento benéfico, xeralmente municipal, dedicado a acoller durante a noite a aqueles que o soliciten.

    Ex: Aloxaron a ese grupo de mendigos no albergue municipal.

    Confrontacións: hospedaxe.
  4. s m

    Cova, caverna ou lugar onde se busca o abrigo e a protección.

    Ex: As vacas buscaron un albergue cando estalou a tormenta.

    Sinónimos: abeiro.
  5. albergues xuvenís Establecemento destinado a dar aloxamento, por prezos módicos, aos mozos de diferentes países. O primeiro establecemento deste tipo abriuse en 1909 en Westfalia. Non poden repartir beneficios e axúdanse para financiarse das doazóns particulares e das achegas estatais. En canto aos alberguistas, teñen que participar nos traballos de conservación do albergue e cumprir as indicacións dos responsables. Desde 1945 hai unha asociación internacional, IYHF (International Youth Hostel Federation), con secretaría en Copenhaguen, á cal deben pertencer os usuarios dos albergues.