Álbum

Álbum
[PUBLIC]

Colección de libros monográficos de fotografía editados polo Centro de Estudos Fotográficos de Vigo, baixo a dirección e deseño de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal. Todos os libros da colección presentan o mesmo formato amodo de pequenos álbums de 16x22 cm. Están constituídos na súa maior parte por fotografías, acompañadas dunha introdución textual, en galego e inglés, nas primeiras páxinas do libro sobre cada fotógrafo e o traballo presentados. O propósito da colección é a divulgación da fotografía galega, tanto actual como histórica, priorizando nos últimos tempos a segunda sobre a primeira. Os títulos dos álbums que presentan os traballos dos fotógrafos máis actuais son: Vari Caramés (antoloxía, 1989); Manuel Sendón. Paisaxes (1991), Xosé Luis Suárez Canal. O mundo invisíbel (1993). Os libros dedicados á divulgación de fotografía histórica son: Pacheco (1ª ed 1990, 2ª ed 1993); Luís Rueda (antoloxía, 1991); Ksado (antoloxía, 1992); José Suárez (1993); Arquivo Sarabia (1994); Raniero Fernández (1996) e Virxilio Viéitez (1998).