alcoholismo

alcoholismo
  1. s m [PAT]

    Estado do organismo consecutivo a unha excesiva inxestión de bebidas alcohólicas. Este termo inclúe dúas manifestacións da acción do alcohol no organismo: o alcoholismo como enfermidade reincidente crónica (dependencia física e psíquica) e o alcoholismo como un problema social (consumo esaxerado de alcohol). Cómpre diferenciar tamén a intoxicación alcohólica aguda do verdadeiro alcoholismo, o crónico. A intoxicación alcohólica aguda (ou embriaguez) é o cadro que aparece despois da inxestión dunha cantidade excesiva de alcohol. Comeza cunha fase de excitación psicomotora con euforia e perda das inhibicións e represións sociais; posteriormente, aparecen trastornos do ton e a coordinación motora, dificultade para a articulación da linguaxe ou disartria acompañada de reaccións vexetativas como náuseas e vómitos. Máis adiante pode aparecer un adormecemento progresivo, chegando ao coma e finalmente á morte por paro respiratorio. O alcoholismo crónico, inxestión continuada de alcohol, é inicialmente compatible cunha vida social e laboral normal, a pesar dos progresivos trastornos condutuais que se engaden por trastornos físicos, ben aparentes entre os cinco e dez anos posteriores ao inicio da enfermidade. Afecta principalmente ao sistema nervioso e ao fígado, pero tamén ao ambito gastrointestinal, pancreático, cardiocirculatorio, hematolóxico, metabólico, etc. A dependencia física ao alcohol maniféstase pola síndrome de abstinencia, orixinada pola interrupción da inxestión, de intensidade e gravidade variables, que pode ir dende o tremor e a intranquilidade psicomotriz ata o chamado delirium tremens. A supresión do hábito alcohólico é posible a partir dun tratamento médico (vitamina B e ansiolíticos) e por psicoterapia (corrección das motivacións psicolóxicas persoais e modificación das condicións familiares, sociais ou de traballo que impulsan ou facilitan a bebida).

    Sinónimos: alcolismo.
  2. [PAT]

    síndrome de alcoholismo fetal