Aldana

Aldana
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe de orixe discutida que estivo unida á dos Arias. Segundo uns investigadores procede de Teodorico, Rei dos ostrogodos en Italia que cara ao ano 507 gobernou Hispania durante a minoría de idade do seu neto Amalarico, fillo de Alarico II e da súa esposa Reodogonda, filla natural de Teodorico. Este deixou dous fillos: Severiano, duque de Cartaxena e Sueiro que se asentou en terras galegas e fundou a casa de Aldana nos arredores de Santiago. Segundo outros, debe a súa orixe a outra familia máis antiga que usaba o apelido Arias de Aldana, e que tivo por proxenitor ao Rei Artamiro (ou Ariamiro, Aramiro, Ariana, Arias), oitavo monarca dos suevos de Galicia no 517. De aquí tomarían o patronímico Arias por apelido da familia. Un descendente do Rei Ariamiro, o conde Argimiro Arias, señor dos castelos de Arias de Amaia e Deza, casou con dona Arceriunda, filla de Severiano, conde de Galicia e posible fillo do Rei Teodorico; de xeito que sería el e non seu irmán Sueiro o fundador da orixe dos Aldana galegos. Xa que logo, estes procederían por liña materna do Rei ostrogodo de Italia Teodorico, avó de dona Arceriunda e, pola paterna, do Rei Artamiro, por ser o conde Argimiro Arias descendente directo seu. Disque foi Hernán (ou Nuño) Pérez de Aldana, señor da casa de Aldana e doutros estados nos tempos de Fernando II e Afonso VIII de León, o primeiro que despois de vencer a Guillerme de Normandía perante o Rei de Francia, Filipe Augusto, cambiou o apelido de Aldana polo de Maldonado e as armas da familia. En Galicia subsistiron ambos os dous apelidos e o novo Maldonado foi pasando, co avance da Reconquista, a moitas partes de España (Castela, Bizkaia, Catalunya, València, Murcia, Extremadura) e ao Novo Reino de Granada (Colombia). Os de Bizkaia descenden xa dende antano dos Aldana galegos. Moitos cabaleiros desta familia levaron o título de conde, algúns ingresaron na Orde de Santiago, Alcántara e San Xoán de Xerusalén e outros ocuparon postos de relevancia nas Cortes de León e Castela; houbo arcebispos de Toledo, Santiago, Sevilla e Tarragona e mesmo inquisidores xerais. As primitivas armas da casa de Galicia presentan, en campo de ouro, dous lobos de púrpura surmontados. As que lle concedeu o Rei Filipe de Francia ao cabaleiro Hernán (ou Nuño) Pérez de Aldana tiñan, en campo de goles, cinco flores de lis de prata colocadas en aspa, que corrresponden tamén á liñaxe Maldonado. Outros levan, en campo de goles, cinco flores de lis postas en aspa. Ambos os dous repítense abondo nos brasóns galegos, o que demostra a súa importancia. As casas de León e Gasteiz levan, en campo de ouro, unha árbore de sinople e dous lobos de sable, pasantes a pé de tronco; bordo de goles con oito aspas de ouro. Algúns de Bizkaia ostentan, en campo de sinople, unha vaca que leva un lebreiro na boca da súa cor e bordo de goles con oito veneras de ouro e outros, en campo de azur (ou ouro), un cisne branco sobre ondas de auga de azur e prata. Os da anteigrexa de Murueta en Bilbao levan, en campo de goles, unha cadea de ouro; cortado de ouro, con dúas vacas andantes de goles, con colares de ouro e azur, postas en pao; medio partido de ouro, con tres faixas de azur. Os de València e Catalunya teñen as mesmas armas que lle concedera o Emperador Carlos I ao cabaleiro Xoán de Aldana cando tras prender ao Rei francés Francisco I na Batalla de Pavía, se apoderou do seu puñal, espada e colar: en campo de goles, tres coroas de ouro ben ordenadas e unha espada espida coa punta cara a arriba atravesando a coroa central e o colar do Toisón de Ouro por orla.