Aldán
*Aldanus(< ald < gótico alds 'adulto, vello')
-
[ONOM]
Nome e apelido de orixe toponímica que presenta como variante Aldao. Ten a mesma etimoloxía co nome Aldo/Alda do que probablemente deriva. O topónimo que aínda pervive no Morrazo (San Cibrán de Aldán) procede dun nome de posesor de orixe xermánica *Aldanus
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe orixinaria de Aldán. Amais da casa do Morrazo, da súa propiedade eran tamén a casa de Gondar, en San Andrés de Xeve, e o pazo do Casal, en Bueu. Semella ter a mesma orixe que Aldanza e Aldao. Cabaleiros desta familia presentáronse para loitar na Batalla de Nájera cando o Adiantado de Galicia se ergueu a prol do Rei Pedro. Seica as posesións que os Aldao e Maldonado tiñan en Tui foron arrasadas por Pedro Madruga cando este tomou a cidade e fixo prisioneiro o seu Bispo, Diego de Muros. As súas armas levan, en campo de ouro, cinco flores de lis de goles (ou prata) postas en aspa. Algunhas variantes, traen en campo de ouro, dous lobos surmontados de púrpura e outras, en campo de goles, cinco flores de lis de ouro postas en aspa. Estes escudos corresponden á liñaxe Aldana e aparecen adoito nos brasóns galegos quizais porque Aldán, Aldao e Aldana teñan un tronco común, de aí que seguisen utilizando as armas primitivas con pequenas variacións.