Alexandría, patriarcado de
Dignidade e xurisdición dos xefes da igrexa copta e melquita católicas, e cotpa e bizantina ortodoxa (residente no Cairo dende o s XI). A orixe do Cristianismo en Alexandría atribúese a san Marcos segundo unha tradición moi antiga; a relación deste con san Pedro e a importancia civil e cultural da cidade déronlle ao Bispo de Alexandría un lugar preeminente na estruturación eclesiástica de Oriente, recoñecido polo Concilio de Nicea (325), que aceptou a súa autoridade sobre Exipto, Libia e Pentápole. Durante a controversia monofisita e despois do Concilio de Calcedonia (451) o patriarcado foi dividido entre monofisitas e ortodoxos, que recibiron o nome de melquitas; esta división e a ocupación da cidade polos árabes (642) contribuíu a facer minguar o prestixio e a autoridade da sé alexandrina. Durante o dominio árabe a situación dos cristiáns de Alexandría oscilou entre a persecución e a tolerancia.