alfabetización

alfabetización

(

  1. s f

    Acción e efecto de alfabetizar.

    Ex: Nos concellos existen programas de alfabetización de adultos.

  2. s f [BIBLIOT]

    Ordenación das cédulas dun catálogo, dun índice ou dun cedulario segundo a orde do alfabeto.

  3. s f [PEDAG]

    Proceso, orientado a un grupo cunha compoñente cultural e social (adultos) determinada, polo que un individuo adquire a capacidade de escribir o propio nome, ler textos sinxelos e realizar operacións aritméticas elementais. Debido ás necesidades das sociedades tecnoloxicamente modernas, esta definición está a ser revisada para integrar os analfabetos funcionais e os de segunda xeración. Todo proceso alfabetizador precisa dunha continuidade, tanto cultural como pedagóxica, que permita conservar os coñecementos a través da práctica cotiá. Este aspecto implica a imposibilidade de poñer en práctica aquilo que se ten aprendido, o que constitúe unha fonte continua de problemas que non permite determinar a evolución, aumento ou diminución dos alfabetizados, inclusive o que significa ser analfabeto. O proceso de alfabetización, dende o punto de vista tradicional, é o primeiro paso da educación de adultos e remite á escolarización. O caso galego, considerado na súa globalidade (observando factores como a demografía, a política, a relixión e mesmo a cultura ou a lingua), non presenta diferencias notorias con outros países. Agora ben, analizado polo miúdo aparecen singularidades que fan de Galicia, en relación co proceso alfabetizador dos galegos, un caso especial. A porcentaxe de galegos que sabía ler e escribir ía dende o 17% do total da poboación a mediados do século XIX ata o 77,22% no ano 1960. Non obstante estes valores, neste período concreto, agochan enormes diferencias entre homes e mulleres. A explicación de tal desaxuste habería que buscala en factores de orde social entre os que a emigración -maioritariamente masculina- ten moita culpa. Na actualidade, esta situación tense corrixido polo que se pode afirmar que a práctica totalidade dos galegos están alfabetizados. Cómpre destacar, así mesmo, que Galicia tivo, sobre todo no século XIX, unha capacidade alfabetizadora superior á do conxunto do Estado español, debido fundamentalmente á iniciativa privada, materializada nas escolas de ferrado, nacidas do pulo de sectores populares, esencialmente rurais, que idearon e sostiveron fórmulas específicas para a aprendizaxe da lectura e a escritura, á marxe das promovidas institucionalmente. De calquera xeito, mesmo considerando que as campañas alfabetizadoras institucionais nunca tiveron en conta nin a cultura nin a propia lingua dos galegos, os valores globais, ata hoxe, non se afastan en ningún período da media española, sendo por veces máis altos. A nivel mundial as campañas de alfabetización masiva auspiciadas pola UNESCO -a organización que máis ten traballado contra o analfabetismo e a prol da promoción da alfabetización- ou por outras organizacións de orde nacional ou internacional que se constituían arredor do ensino da lectura, a escritura e o cálculo, sempre estiveron vencelladas a profundos cambios de orde social ou económica. As bases das campañas mundiais de alfabetización datan de 1962 e son un dos resultados da iniciativa de educación popular e de base comezada no século XIX. A UNESCO lanzou as bases dun programa mundial (1960) e a Asemblea Xeral da ONU (1961) solicitou que este organismo tamén se responsabilizase das campañas de alfabetización promovidas pola UNESCO. As campañas clásicas teñen tres etapas: unha primeira, de acción básica contra o analfabetismo de masas e de propaganda; unha segunda, para ensinar as primeiras letras e estruturas gramaticais básicas por métodos analíticos e globais; e a terceira, que corresponde á organización de salas de lectura, charlas, ciclos de radio e de televisión. No ano 1965, co gallo da celebración en Teherán do congreso mundial de Ministros de Educación, dende a UNESCO pensouse na necesidade de elaborar unha concepción mais “funcional” que fose quen de superar as limitacións propias da definición tradicional e, ao mesmo tempo, puxese de manifesto a necesaria relación entre alfabetización e economía. Deste xeito nace o concepto de alfabetización funcional que ten por obxectivo inculcar coñecementos prácticos relacionados coas actividades cotiás e co traballo. Cada programa pénsase en función do grupo a quen vai dirixido. Trátase dunha formación máis específica que precisa de educadores e especialistas en diversas disciplinas. Este tipo de alfabetización polarizada e non masiva ten acadado resultados espectaculares nalgúns casos. Así, entre os anos 1970 e 1977 en Tanzania, grazas a un programa alfabetizador destas características, incrementouse o número de alfabetizados pasando do 30 o 80% da poboación. Se ben agora mesmo, neste país e na maioria de países africanos, os índices de alfabetización están moi por debaixo das cifras acadadas hai dúas ou tres décadas, o que evidencia que, á marxe de situacións políticas e sociais concretas, a falta de continuidade dos programas alfabetizadores acaba por conducir os individuos de novo ao analfabetismo. Cómpre recordar aquí que a UNESCO, avalada pola súa experiencia alfabetizadora, insiste sempre na importancia que para o proceso alfabetizador ten o feito de que a lingua vehicular sexa sempre a materna. En demasiadas ocasións, intencionadamente ou non, Galicia non foi unha excepción neste sentido e esta cuestión foi esquecida, o que contribuíu a que moitos programas alfabetizadores fracasaran ao non acadar os resultados pretendidos. Un caso particular de alfabetización é o método empregado por Paulo Freire xa que vai máis alá do puramente funcional para partir de situacións concretas e coñecidas pola poboación, cun obxectivo declarado de concienciación. Neste sentido, a alfabetización non debe ser entendida como un proceso de aculturación das sociedades do Terceiro Mundo, alfabetizadas segundo o modelo occidental, senón como un proceso de emancipación dos cidadáns a través da preservación dos seus sinais de identidade e da comprensión dunha serie de procesos que lles permitan intervir como axentes históricos nun mundo cada vez máis dependente e internacionalizado. O método Freire empregouse en Nicaragua, xunto con elementos da experiencia cubana de 1961, despois da Revolución Sandinista de 1979. Malia que a alfabetización funcional ten dado un impulso importante á loita contra o analfabetismo, o certo é que cen anos despois da institucionalización dos sistemas educativos nos países adiantados e das numerosas campañas alfabetizadoras postas en marcha durante o século XX, a cifra de analfabetos segue a aumentar, estímase que para o primeiro decenio do século XXI haberá arredor duns 1.000 millóns de persoas no mundo aos que se poderá considerar analfabetos. Neste sentido, foron moitos os traballos de investigación ligados aos procesos de alfabetización que puxeron de manifesto, dende mediados dos setenta, que se estaba a producir un aumento considerable nas taxas de analfabetismo entre a poboación adulta a nivel mundial. Aínda así, a maioría dos países occidentais tardaron moito en recoñecer a existencia de tal problema e, como consecuencia, non foi ata a década dos oitenta cando países como Francia ou Alemaña comezaron a desenvolver proxectos de alfabetización de adultos nativos. Este atraso na toma de decisións en materia alfabetizadora nos países desenvolvidos explícase porque daban por suposto que tal problema era máis propio de nacións economicamente máis febles e pensaban que a porcentaxe era pouco representativa no total da poboación. Os avances tecnolóxicos e a marxinación social de amplos sectores da poboación obrigaron a ampliar o sentido do que se entende por alfabetización. Segundo este novo criterio, en contra do que se pensara dende os posicionamentos máis optimistas, son cada vez máis os sectores de poboación aos que se lles pode aplicar o calificativo de analfabetos. Constitúese así o que se vén en chamar analfabetismo de segunda xeración que afecta aos rapaces que abandonan o sistema escolar formal sen ter completado a súa formación elemental e aos poucos anos, irremediablemente, caen no analfabetismo ou no semianalfabetismo. Por esta razón, nos últimos anos, sobre todo nos países occidentais, os programas alfabetizadores xa non están dirixidos e pensados unicamente para persoas adultas. Este problema resulta, se cadra, máis grave se se pensa que a idea moderna de alfabetización se aparta moito do simple dominio da lectura, a escritura e operacións matemáticas básicas, converténdose nun elemento de progreso socioeconómico que debe contribuír a formar cidadáns responsables e críticos e, ao mesmo tempo, axudar a construír unha identidade cultural estreitamente vencellada cos intereses de cada país. Por acordo internacional escolleuse o 8 de setembro como día mundial da alfabetización.

Palabras veciñas

alfábega | alfabeticamente | alfabético -ca | alfabetización | alfabetizar | alfabeto | Alfacar