Alianza Nazonal Galega

Alianza Nazonal Galega
Nome científico: [ANG]

Organización unitaria das forzas antifranquistas galegas, creada en México no mes de setembro do 1942. Á xuntanza de constitución asistiron delegacións dos grupos comunista, galeguista, republicano e socialista, e do sindicato UXT. O documento aprobado, as Bases Políticas, propoñían a restauración da legalidade republicana e da Constitución de 1931, así como a entrada en vigor do “Estatuto da nazonalidade galega”. A ANG proclamouse representación auténtica de Galicia no exilio, en unión con todos os pobos que loitaban contra o fascismo. A súa actividade centrouse fundamentalmente no país azteca pero tivo delegacións noutros como Cuba. Na Alianza Nazonal Galega participaron representantes de todas as tendencias ata que se produciu a creación da Junta Suprema de Unión Nacional, organismo antifranquista que seguía as liñas da política de Unión Nacional propugnada polo Partido Comunista de España. O PCE propuxo que a ANG ingresase na Junta Suprema, ao que se negaron os socialistas. A Alianza non se adheriu oficialmente ao novo organismo e, a partir dese momento, comezaron as tensións. A actividade da ANG centrouse na participación nos actos a favor do pobo galego, na convención de organizacións republicanas no exilio, etc. A Alianza publicou numerosos manifestos nos que facía pública a súa postura sobre os problemas dos galegos no exilio e no país como, por exemplo, Alianza Nazonal Galega saluda la lucha del pueblo español para derrocar el régimen vandálico de Franco y de la Falange ou Contra el separatismo. Unha das teimas constantes na produción da ANG é a necesidade, indispensable na loita contra o franquismo, da colaboración entre as organizacións galegas no exilio e os organismos democráticos españois, actitude compatible coa defensa da personalidade diferenciada de Galicia no marco común dos pobos de España. En maio do 1944, a ANG lanzou un novo manifesto aos galegos de todo o mundo no que rexeitaba o recentemente creado Consello de Galicia, por considerar que o seu proxecto era inconsistente e que se arredaba dos problemas máis vitais do país. Ademais, a ANG consideraba que os catro deputados galegos asinantes da acta fundacional do Consello, carecían da lexitimidade necesaria para se adxudicar a representación dun pseudo-goberno galego. Estas diferencias reflectían as divisións que o exilio vivía naqueles anos. Alianza Nazonal tivo o seu propio órgano de expresión: Galicia. O seu primeiro número foi publicado en decembro de 1943. Foi tamén responsable da edición de Galicia bajo el terror (1944), un libro no que se denunciaba a represión que Galicia estaba a vivir baixo o réxime franquista.