Amil
Amil
[ONOM]
Antropónimo masculino e feminino de recente introdución que ten unha orixe toponímica. Como outros nomes derivados de lugares de veneración á Virxe (por exemplo, Montserrat, Lurdes, Fátima, Guadalupe, Franqueira), Amil vén da devoción á Nosa Señora dos Milagres da Amil, en Moraña, onde ten o seu santuario. Malia proceder dun nome de home xermánico, Alamiro (composto de alls ‘todo, moi’ e mirus ‘famoso, sonado’), Amil emprégase sobre todo como nome feminino quizais por derivar da Virxe da Amil (neste lugar aínda se di “A Amil”). Como topónimo Amil ten orixe patronímica e significa ‘terra de Alamiro’.