Amil, Santuario da Nosa Señora dos Milagres de

Amil, Santuario da Nosa Señora dos Milagres de

Santuario de estilo neoclásico situado na parroquia de San Mamede da Amil, en Moraña, onde se celebra unha sonada romaría. A orixe desta devoción popular remóntase ao seculo XVIII cando un arrieiro morañés, Sebastián de Castor, véndose na obriga diaria de ter que carrexar auga dende un regacho afastado da súa casa, solicitoulle á Virxe poder atopar unha fonte perenne. Segundo a tradición, a axuda divina non se fixo esperar e o arrieiro deu efectivamente cunha cachoeira na súa horta -que se chamaría fonte da Eira Vella- e puido mesmo construír un muíño nela. Como agradecemento, o campesiño mandoulle a un veciño canteiro que esculpise un altorrelevo coa inscrición “Nuestra Señora de los Milagros 1778” que colocou enriba da fonte. O milagre espallouse rapidamente polos arredores de xeito que pouco a pouco empezou a acudir xente de todas partes que deixaban esmolas para a creación dunha ermida onde se venerase a imaxe da Virxe. Así, no castro da Chan construíuse primeiramente unha capeliña que, a finais de 1892, foi substituída polo santuario actual. A festividade da Nosa Señora de Amil celébrase o primeiro domingo despois do 8 de setembro. Ese día ten lugar unha procesión na que as persoas que superaron unha doenza grave portan un cadaleito sobre a cabeza, mentres que aqueles que se libraron dunha morte segura van dentro do ataúde amortallados en sentido de ofrenda. Na tradición oral recóllense cantigas deste tipo: “Miña Virxe dos Milagres, / os milagres vanse vendo: / ás rapaciñas da Amil / vaille a barriga crecendo”.

Palabras veciñas

Amil | Amil Barcia, Manuel | Amil Serantes, Carlos | Amil, Santuario da Nosa Señora dos Milagres de | amiláceo -a | amilasa | amilasuria