amor

amor

(< lat amor)

  1. s m Antónimos: odio.
    1.   Inclinación ou afección profunda por unha persoa.

      Ex: Ten un amor pola súa nai que non é normal.

      Sinónimos: cariño.
    2. Adhesión intensa e desinteresada a unha cousa, uns principios ou mandatos semellantes.

      Ex: É unha persoa coas ideas moi claras, tenlle amor á patria, á liberdade, á xustiza e demais principios morais.

      Sinónimos: cariño. Antónimos: odio.
    3. Gran desexo ou interese.

      Ex: Ten un grande amor polo estudio; segue a facer carreiras.

  2. s m

    Obxecto de amor, persoa estimada.

    Ex: Ela é o seu único amor. Sabemos que ten un amor en cada porto.

  3. s m [PSIC/BIOL]

    Inclinación ou afección profunda por unha persoa baseada na atracción sexual, pero que a miúdo produce outros sentimentos. A excepción da visión endocrinolóxica que identifica amor con instinto sexual, todas as tendencias psicolóxicas consideran que no home o amor é un fenómeno complexo no que interveñen dúas raíces fundamentais, unha instintiva, a sexualidade, e outra de carácter psíquico, a erótica. Segundo a Reflexoloxía de I. P. Pavlov ou o Condutismo de J. B. Watson, o amor sería o instinto de reprodución da especie modificado polos hábitos e a aprendizaxe colectiva e individual. O Psicanalismo de S. Freud concédelle ao impulso da libido, instinto sexual ou erótico en sentido moi amplo, a forza que empuxa os homes en todos os actos vitais. Para a psicoloxía moderna, o amor e a amizade son situacións concretas de comuñón psicosocial, que supoñen o descubrimento e a unión do eu co ti, que leva á afirmación do nós. Desde tempos moi remotos, o amor representa un dos grandes temas literarios. Xa no Antigo Exipto existía unha poesía amorosa, moi elaborada. Na tradición india e na chinesa, a inexistencia do complexo xudeu-cristián da culpabilidade da carne permitiu unha literatura na que a operación dos sexos se levaba ata o misticismo. A épica india amosa a desigualdade dos sexos; por outro lado, algúns episodios do Māhābhārata, tamén na India, ou a popular peza teatral Pipaji, na China, ofrecen exemplos de aceptación da poliandría no amor. Na India, hai que destacar o Mālati Mādhara de Bhavabhūti, obra considerada o Romeo e Xulieta indio. O pobo xudeu, condicionado pola concepción relixiosa, idealizou as relacións amorosas e produciu obras literarias de tanta intensidade como o Cántico dos cánticos, ao que máis adiante se lle daría unha interpretación relixiosa e que tería unha grande influencia na literatura occidental posterior. No mundo grego, a visión pagá e a liberdade das relacións sexuais deron lugar a mitos que xa foran outrora creados polas culturas mesopotámicas e que, aplicados á literatura, expresaron unha ampla gama de sentimentos. Alcestes podía personificar o amor conxugal; Afrodita e Adonis, os amores por excelencia; Fedra, o amor da nai polo fillo; Narciso, o amor a un mesmo; Ganímedes, á homosexualidade. Roma herdou termos e formas gregas, que serviron de ponte para a cultura occidental. Ovidio recolleu nas Metamorphosis (Metamorfoses) os mitos amorosos gregos, e con Ars amandi (Arte de amar) explicou as incidencias do proceso amoroso. A literatura arábiga caracterizouse pola liberdade con que trata o tema e, como na antiga Grecia, polo relevo que se lle dá ás relacións homosexuais. O libro de As mil e unha noites que en Occidente se considerou que tipificaba as relacións amorosas do mundo árabe, tivo unha gran difusión por Europa. A Europa da sociedade feudal reelaborou algunhas das formulacións da Antigüidade clásica. Así, moitos poetas cantaron os seus amores en termos máis ou menos ovidianos; este é o caso dos goliardos, que exaltaron o amor de bordel. A gran creación da sociedade feudal, sen embargo, falaba do amor cortés establecido polos trobadores e polos autores do roman courtois. Os poetas italianos do Dolce Stil Novo elaboraron un concepto de amor puro e inaccesible, que dedicaban á donna angelicata. Nas terras galegas, existiron as cantigas de amor, escritas en galego-portugués, nas que un home canta dirixindo a súa composición a unha dama, sempre inaccesible, ou facendo unha reflexión amorosa sobre ela. A nova burguesía mercantil elabora unha concepción máis ligada á carne, da que son exemplos os fabliaux, por un lado, e os Canterbury Tales (Contos de Canterbury) de Chaucer e o Decameron (Decamerón) de Boccaccio, pola outra. En Castela hai que destacar o Arcipreste de Hita con El libro del buen amor. Durante a Idade Media, mentres algúns poetas se suicidaban por amor, outros nutrían unha literatura misóxina. O Barroco e o Neoclasicismo non variaron substancialmente as formulacións renacentistas. A Ilustración inventou o moderno erotismo. Xa na Revolución Industrial o amor reivindícas como o centro da vida. Con Werther, Goethe achega o patrón de amor romántico que acaba en suicidio. A liberdade de amor predicada polo Romanticismo entrou na vida cotiá e escritores como Lord Byron, George Sand ou Mariano José de Larra convertéronse nos seus símbolos. A partir da novela psicolóxica, que ofrece unha análise amorosa de rara profundidade, a panorámica faise moi complexa. Paralelamente, a ampliación do público e a consolidación dunha industria editorial produciu, xa no s XIX, a novela de folleto, especificamente amorosa, que dá lugar á novela denominada rosa e á pornografía que xunto coa novela erótica se sitúan ao nivel da literatura de consumo.

  4. s m [RELIX/FILOS]

    Desexo que o crente ten de coñecer a Deus e unirse persoalmente a el. No Antigo Testamento hai que distinguir tres dimensións do amor: o amor de Deus aos homes, manifestado polas súas intervencións históricas (liberación de Exipto, alianza ao Sinaí, doazón da terra de Canaán, o retorno de Babilonia e outros episodios); o amor dos homes a Deus, resposta ao amor electivo de Deus, que non se estima polas súas perfeccións senón polos seus xestos históricos cos que se comprometeu a favor dos homes; o amor dos homes aos homes, esixido polo precepto do Levítico: “Amarás ao teu próximo como a ti mesmo”, que nace dunha conciencia de solidaridade na alianza. De aquí que se fixe o carácter de fraternidade. No Novo Testamento aparecen tamén estes tres aspectos do amor. Na filosofía grega, o concepto de amor foi utilizado para expresar a orde xerárquica de carácter cósmico entre o inferior, imperfecto, e o superior, perfecto. O amor como principio de unidade e de harmonía, expresado por Empédocles foi recollido por Platón quen lle outorgou ademais unha dimensión metafísica nos diálogos do Banquete e, sobre todo, en Fedro. O Amor, aspiración da alma ao Ben supremo, é dicir, a Beleza, posibilita que esta se eleve ao coñecemento desinteresado, á contemplación do mundo das ideas. Para os neoplatónicos, o amor é a unión co Un. No Cristianismo, é un atributo da divindade, consecuencia da súa perfección absoluta; santo Agostiño reivindicou a súa primacía sobre o intelecto. A preeminencia do amor foi defendida polos pensadores influídos polo Neoplatonismo e de tendencia mística, como por exemplo, Ramón Llull. Aínda se poden atopar algunhas destas influencias en filósofos do Renacemento como Giordano Bruno. Na actualidade, o tema do amor converteuse en obxecto de preocupación filosófica coa finalidade de establecer os fundamentos e as características dun sentimento humano. Segundo M. Scheller é un acto persoal e espontáneo que revela os valores existentes, a priori, obxectivamente. Desde o Existencialismo, Jean-Paul Sartre analizou o amor como unha revelación do conflito ineludible da liberdade.

  5. amor cortés [LIT]

    Expresión coa que, desde os célebres estudios de Gaston Paris, se designa a concepción amorosa dominante na literatura medieval e que arranca coa primeira tradición lírica que se expresa en lingua vulgar, a poesía provenzal. A denominación cortez’ amors só se rexistra no trobador Peire d’Alvernha da segunda metade do s XII, posto que máis comúns para referirse a esta nova ideoloxía amorosa son as expresións verai amors, bon’ amors e, sobre todo, fin’ amors. A pesar de que houbo intentos de ver pegadas nesta concepción de varias tradicións poéticas (a árabe, a folclórica, a latina) ou de certas realidades sociais (eclosión do culto á Virxe, aspiracións dos segundóns das familias nobres, herexía cátara), pode dicirse que esta corrente, da que foron debedoras todas as tradicións líricas románicas, viu a luz a comezos do s XII con Guilhem de Peiteu (1071-1126), VII conde de Poitiers e IX duque de Aquitania, o primeiro trobador provenzal coñecido. Esta ideoloxía amorosa utilizaba como principal vehículo de expresión a cansó trobadoresca e a súa plasmación poética contemplaba aspectos sumamente innovadores. En primeiro lugar, hai que destacar que o canto poético está dirixido polo trobador a unha dama nobre e casada, polo que, na súa esencia, este amor tiña un marcado carácter adulterino e clandestino. Este é un feito de capital importancia porque, desde o punto de vista literario, xustifica a presenza nos textos de personaxes contrarios a esa relación amorosa, ante os que é necesario celar ou manter en secreto ese amor: o gilós ou marido celoso da dama, tiña ao seu servizo os gardadors, sentinelas contratadas polo esposo, e os lauzengiers, sempre dispostos a informalo das supostas infidelidades da súa muller, facendo aínda uso da mentira. Así mesmo, esta discreción explica outras dúas realidades textuais: por un lado, é frecuente xa desde Guillerme IX o emprego do senhal ou pseudónimo poético baixo o que se oculta normalmente a identidade da dama. Por outro lado, ao describila non se entra en pormenores que permitan descubrir quén é a destinataria da composición; os textos sitúannos sempre ante unha imaxe estereotipada chea de trazos que adaptan as recomendacións das artes poéticas medievais no que atinxe ao retrato feminino. Outra novidade a ter en conta é que este amor é concibido coma un servicio feudal, de tal xeito que se establece un claro paralelismo entre a relación amorosa e a vasalática, o que fai que na expresión dese sentimento os trobadores empreguen moitos dos termos habituais na linguaxe feudal. Gracias ao amor cortés a dama aparece como un poderoso señor a quen o trobador debe servir coma o seu vasalo. A poesía convértese, xa que logo, nunha forma de dignificar a muller nunha sociedade empeñada constantemente en aldraxala. Agora ben, para unha correcta comprensión dos textos nos que se reflicte esta ideoloxía convén analizar outros aspectos. O amor cortés implica o cumprimento dunha serie de normas por parte do amante, normas que se traducen noutros tantos termos claves da poética da fin’ amors. Para amar e ser amado era necesario posuír a cortezia, a característica máis importante do amante cortés. Implicaba non só a pertenza a unha clase aristocrática senón tamén e, sobre todo, a posta en práctica dun conxunto de calidades e virtudes positivas (lealdade, xenerosidade, educación, mesura, etc), en claro contraste cos elementos negativos representados na vilanía. Termo significativo na poética do amor cortés é tamén o de joi, co que se designa o estado de alegría interior do amante, unha vez que é aceptado pola súa dama, é dicir, unha vez que esta lle concedía a mercé. Por esta razón é frecuente que este substantivo, joi, apareza unido ao estadio do drut, nome co que se aludía ao amante aceptado pola dama no leito. En efecto, segundo recoñece un texto provenzal anónimo de finais do s XIII, o namorado cortés podía atoparse nunha destas situacións, determinadas pola actitude da súa dona: fenhedor (namorado tímido que non ousa dirixirse á dama), pregador (amante que suplica o amor á amada), entendedor (amante aceptado) e drut (cando a aceptación da dama culmina co acto sexual). Todo parece indicar, polo tanto, que a aspiración última do amante cortés era a consumación física do amor, tal e como confirma o xénero da alba: co mencer os namorados deben someterse de novo ás convencións sociais, despois de teren pasado toda a noite xuntos. Ao longo do século XII, despois da morte de Guillerme IX, a concepción do amor que este trobador presentara transformouse nun código complexo que foi plasmado por numerosos autores, tanto en textos líricos como narrativos. O amor cortés deu lugar a que se orixinase unha dialéctica literaria, un debate a distancia entre distintos trobadores; de especial relevancia é neste sentido a postura de Marcabru, quen na súa pastorela “L’autrier jost’una sebissa” mantén, nun ton de polémica con Guillerme IX, unha clara oposición a ese código poético e aos seus valores connotados negativamente como fals’ amors. Pero ademais esta concepción amorosa foi trasplantada a outras rexións do Occidente europeo nas que se constituíron as correspondentes escolas poéticas (a dos trouvères franceses, a dos Minnesanger alemáns, a dos poetas sicilianos da Corte de Federico II e a dos trobadores galego-portugueses). As vías de penetración da poesía ultrapirenaica no oeste peninsular foron moitas e entre elas ocupa un lugar destacado o Camiño de Santiago. A lírica occitana foi coñecida na Península Ibérica xa desde comezos do s XII. As frecuentes viaxes que realizaron os trobadores provenzais ás Cortes de Galicia, León e Castela facilitaron o coñecemento da lírica cortés e a súa ideoloxía no occidente da Península Ibérica: Marcabru residiu entre os anos 1134-1143 na Corte do Emperador Afonso VII, onde seica compuxo a primeira pastorela romance conservada, “L’autrier jost’una sebissa”. Ademais del, trobadores como Peire d’ Alvernha, Gavaudan, Giraut de Bornelh, Peire Vidal ou Cerveri de Girona, entre outros, visitaron as cortes peninsulares contribuíndo deste xeito á implantación da lírica cortés no occidente ibérico. Un dos mellores exemplos para demostrar o grao de coñecemento da literatura provenzal na Península é o do rei-poeta Don Denís, que parece ser un dos trobadores máis influenciados polas modas de alén dos Pireneos: na súa canción “Pero que eu mui long’ estou” amosa un claro coñecemento da máis célebre das composicións de Jaufré Rudel, “Lanqand li jorn son lonc en mai”, tanto pola adaptación como dobre da dobre palabra rima empregada polo provenzal, como pola adopción do tópico rudeliano do amor de lonh. Por outro lado, o seu coñecido poema “Proençaes soen mui ben trobar” sérvelle para criticar o recorrente emprego na poesía provenzal do exordio estacional. A todo isto podemos engadir o seu posible coñecemento das Novas del Papagai de Arnaut de Carcassés, segundo reflicte a súa pastorela “Unha pastor bem talhada”. A escola poética galego-portuguesa esténdese cronoloxicamente entre finais do s XII e mediados do XIV: entre 1200-1201 foi composta a primeira cantiga coñecida, “Ora faz ost’ o senhor de Navarra” de Johan Soarez de Pávia. De 1350 data o testamento de Pedro de Portugal, conde de Barcelos, no que lega a Afonso XI de Castela o Livro das Cantigas. As Cortes nas que se desenvolveu a actividade poética foron as de Fernando III e Afonso X en Castela, e as de Afonso III e Don Denís en Portugal. O amor cortés foi tamén coñecido e posto en práctica polos trobadores peninsulares pero cómpre salientar que, aínda que en liñas xerais a concepción se mantén inalterable, no plano poético hai algunhas diferencias. A idea clave do amor como servizo do trobador a unha dama segue estando presente e tamén aquí a cantiga de amor, herdeira directa da cansó provenzal, é a canle principal para a súa expresión. Non obstante , a ausencia do gilós non permite discernir se se trata dunha dama casada, circunstancia que se agrava aínda máis se temos en conta as escasas referencias ao seu estado civil. Pese a todo -e facendo uso dun retrato tan estereotipado como o do Midi francés-, segue a manterse o tópico do segredo de amor (aínda que non se contempla para isto o emprego do senhal), en parte para evitar as ameazas dos miscradores ou cousidores, personaxes que, coma os lauzengiers occitanos, trataban de perturbar a relación amorosa. Destacable é tamén na adaptación dos presupostos do amor cortés nesta área a escasa importancia concedida ao joi, xa que o canto poético está orientado na maioría das composicións a transmitir a coita de amor e as súas negativas manifestacións.

  6. amor de Deus [RELIX]

    Amor dos homes por Deus.

  7. amor libre

    Liberdade total nas relacións sexuais, prescindindo de todo vínculo afectivo, relixioso ou calquera outro tipo.

    Ex: Nos anos sesenta estaba de moda o amor libre.

  8. amor platónico

    Amor que exclúe conscientemente a relación sexual.

    Ex: Un profesor do colexio era o seu amor platónico.

  9. amor propio

    Estima que un ten por si mesmo e que o leva a non deixar que ninguén se exceda con el, nin a facer calquera tipo de comportamento polo que poida quedar nunha situación aldraxante ou ridícula.

    Ex: Ten un amor propio que non lle deixa abandonar o traballo sen máis.

    Sinónimos: dignidade, orgullo.
  10.  
    1. Cortexar ou facer as beiras para obter o amor e os favores dunha persoa.

      Ex: Aproveitou no baile para facer o amor con todas as rapazas que acudiron a el.

    2. Realizar o acto sexual.

      Ex: Non fai o amor con ninguén porque pensa que é pecado.

  11. Liñaxe orixinaria de Castro-Urdiales (Santander) dende onde se espallou a Asturias, Chile, Castela e Galicia. Os de Castropol asentaron casais en Conforto, concello da Pontenova (Ribadeo), en Carral e na Fonsagrada. As súas armas levan, en campo de prata, unha banda de goles, engolada en cabezas de dragóns de sinople e acompañada de dous lobos andantes, de sable; bordo de prata, cargado de oito armiños de sable.

Frases feitas

  • Con/de mil amores.Cunha atención especial, con gusto, á vontade. Ex: Pintoulle o cadro con amor.

  • Por amor de Deus. Por caridade. Ex: Por amor de Deus, déame unha esmola!.

  • Por amor á arte. Desinteresadamente. Ex: Estudiou eses dous cursos de maquetacion por amor á arte.

Refráns

  • A auga nun cesto é coma o amor dun neno.
  • A forza do amor o que foxe, é vencedor.
  • A muller ou sabe querer ou sabe aborrecer.
  • A muller que a dous noivos quere ben ¡lévena os diaños, amén!
  • A toda lei, mozo falangueiro e fiel mais, se for calado, dáo ao diaño.
  • Aínda que o amor se encubra, mal se disimula.
  • Alá van os pes onde o corazón quer.
  • Ama a quen te ama e responde a quen te chama.
  • Ama coma se houberas de aborrecer e aborrece coma se houberas de amar.
  • Ama e serás amado, traballa e non pedirás emprestado.
  • Amando as cousas, de alleas parecen propias.
  • Amar a quen non te ama, é responder a que n non te chama.
  • Amar é bo; mellor é ser amado, porque unha cousa é servir e outra cousa é ter mando.
  • Amar é bo; ser amado é mellor: amar é ser criado, ser amado é ser señor.
  • Amar e reinar non queren par.
  • Amor coma o da nai, non o hai.
  • Amor de nai, outro mellor non haU
  • Amor de neno, auga nun cesto.
  • Amor de señor non é posesión.
  • Amor e aborrecemento non quitan coñecemento.
  • Amor e diñeiro non poden estar secretos.
  • Amor e fortuna andan de tuna.
  • Amor e gravidade non fan irmandade.
  • Amor e maxestade non fan irmandade.
  • Amor e morte, nada máis forte.
  • Amor e reino non queren parceiro.
  • Amor encollido, mal correspondido.
  • Amor forasteiro, amor pasaxeiro.
  • Amor louco: eu por vós e vós por outro.
  • Amor mercado dáo por vendido.
  • Amor non cata liñaxe nin fe nin preito homenaxe.
  • Amor pasaxeiro, tantas vexo tantas quero.
  • Amor pobre e leña verde tamén arden, se se acenden.
  • Amor que non é atrevido, non é favorecido.
  • Amor que non é ousado, é pouco estimado.
  • Amor, coitas e diñeiro non se poden ter secretos.
  • Amor, diñeiro e coidado non pode estar enterrado.
  • Amor, fume e diñeiro non se poden encubrir moito tempo.
  • Amor, non hai nada mellor nin nada peor.
  • Amor, o da nai; que outro mellor non hai.
  • Amor, tos e fogo descóbrense logo.
  • Amores, amores, por un só pracer moitas dores.
  • Ande a lingua canto queira e estean as mans quedas.
  • As sopas e os amores, os primeiros son os mellores.
  • Ben ama quen nunca esquece.
  • Bico con bico o primeiTO ano de voda; o segundo cu con cu; o terceiro ¿ti que trouxeches? ¿que trougueches tu?
  • Cando o C!lxo de amor morre ¡que fará o que andar pode!
  • Cantas vexo, tantas quero e, se máis vira, máis quixera.
  • Canto máis o amor se esconde, máis forte.
  • Casado por amores, casado con dores.
  • Ceguei e casei; que, se non cegara, non casara.
  • Coidanos namorados que os demais teñen os ollos pechados.
  • Con amor págase amor.
  • Conta as túas penas a que n chas entenda / a quen saiba delas.
  • De namorado a louco vai moi pouco.
  • Do ver nace o querer, e do non ver nace o esquecer.
  • Dos biquiños saen os filliños / os meniños.
  • Erro de amor ben merece perdón.
  • Está feita a metá, porque anque ela non queira, eu quero xa.
  • Home namorado deixa a casa sen sobrado.
  • I O amor fai cantar.
  • Ira de namorados, amores dobrados.
  • Mal de amores non ten cura.
  • Mal se esconde o fogo que no peito arde.
  • Mal veciño é o amor pero, onde o non hai, é peor.
  • Mans frías e corazón quente, namoro de repente.
  • Mans quentes e corazón frío, amor perdido.
  • Na guerra do amor, o que foxe é o vencedor.
  • Nai e filla caben nunha camisa, sogra e nora non caben na tea toda.
  • Non chamo á vella, que chamo á que vai con ela.
  • Non foi mal pesco teu pai, que pescou á túa nai.
  • Non hai amor coma o primeiro nin lúa coma a de xaneiro.
  • Non hai amor nin diñeiro coma o primeiro.
  • Non hai cousa máis humilde có amor cando pretende.
  • Non has de anoxar á que n tes que contentar.
  • O amor á muller bota ás veces o home a perder.
  • O amor a ninguén dá honor e a todos dor.
  • O amor Ao comezo é malo mais é peor ao cabo.
  • O amor canto máis se esconda, máis se amosa.
  • O amor da muller na roupa do seu home tense que ver.
  • O amor das gatas entra e sae rabuñadas.
  • O amor desfaise coa ausencia.
  • O amor do soldado non é máis dunha hora.
  • O amor dos burros entra a couces e a dentadas.
  • O amor dos gatos, a berros polos telIados.
  • O amor e a fe nas obras se ve I ben se ve.
  • O amor e a gadaña queren forza e queren maña.
  • O amor é gala no mancebo e crime no vello.
  • O amor e o meniño, onde topan acariño.
  • O amor e o viño sacan o home de tino.
  • O amor é tan xordo coma cego.
  • O amor é un pracer e o honor é un deber.
  • O amor e"o xantar hanse de comer antes de enfriar.
  • O amor fai moito e o difieiro faino todo.
  • O amor fai tolos dos cordos e sabios dos parvos.
  • O amor fai valentes.
  • O amor non hai forza que o venza nin o torza.
  • O amor non quere consello.
  • O amor non se gaña senón con amor.
  • O amor non ten cerradeiros en huchas nin celeiros.
  • O amor nunca di: ¡Ahonda!.
  • O amor pobre tamén se acende cando pode.
  • O amor polos ollas entra no corazón.
  • O amor primeiro endexamais se esquece.
  • Ó amor que a pouco se atreve chámanlle neve.
  • O amor que arde de présa, consómese logo.
  • O amor que se muda cando quer, amor non pode ser.
  • O amor sen conversación é como gaita sen punteiro nin roncón.
  • O amor tódalas cousas iguala.
  • O amor todo o pode I vence.
  • O amor verdadeiro entra polo mexadeiro.
  • O amor verdadeiro non sofre.
  • O amor verdadeiro, coma o borrallo, garda a quentura moitos anos.
  • O malo amalo e, se non, deixalo.
  • O malo amalo.
  • O mozo atrevido é da moza máis querido.
  • O mozo non ten a culpa, cando a moza o busca.
  • O primeiro amor é o mellor.
  • O primeiro ano bico con bico; o segundo, cu con cu; o terceiro ¿ti que trouxeches?, ¿que trougueches tu?
  • O que a feo quere, bonito lle parece.
  • O que a feo quere, fermoso lle parece.
  • O que de mozo novo non tolea, de mozo vello perde a cabeza.
  • O que feo ama, fermoso lle parece.
  • O que se ama non ten espaldas.
  • O querer verdadeiro entra.polo mexadeiro.
  • Obras son amores e non palabras doces.
  • Onde hai gran amor, hai gran dor.
  • Onde hai querer, todo se fai ben.
  • Onde non hai amor non hai dor.
  • Os amores dos gatos comezan maiando e acaban rabuñando.
  • Os amores entran rindo e acaban chorando e carpindo.
  • Os amores novos fan esquecer os vellos.
  • Os amores prometen alegrías e dan dores.
  • Os primeiros amores son os mellores,
  • Os que ben se queren no camiño se atopan.
  • Para o amor e a morte non hai casa forte.
  • Peitos de muller, froita de tolos: mÍrana moitos e cátana e cómena poucos.
  • Polos santos bícanse as pedras, a causa das mozas agasállanse as vellas.
  • Quen ama e non é amado, de malas armas está armado.
  • Quen ama, teme.
  • Quen ben ama, tarde esquece.
  • Quen ben quere, tarde esquece.
  • Quen ben te queira, farate chorar.
  • Quen casa por amores, pasa mal os dias e, en troques, ten boas noites.
  • Quen che deu o fel darache o mel.
  • Quen mal quere aos seus, mal quererá aos alleos.
  • Quen non te ama, burlando te desfama.
  • Quen se casa por amores, vivirá con "sinsabores".
  • Querer e esquecer non todos o poden facer.
  • Rifan os amantes e quérense máis que antes.
  • Sempre vai a lingua a onde doe a moa.
  • Tal feitizo é o amor, que non o hai mellor.
  • Tal hora o corazón laia, anque a lingua cala.
  • Tanto lle quere o demo aos fillos, que os quere ver asados e cocidos.
  • Vanse os amores e quedan as dores.
  • Vánselle á galiña os ollos aIí onde pon os ovos.
  • ¡A man estea queda, anque a lingua vaia e veña!
  • ¡Ai, Bras, que tanto dis que me queres e tanto sufrir me fas!

Palabras veciñas

amontoamento | amontoar | Amontons, Guillaume | amor | Amor | amor | Amor