ampere

ampere

(< antropónimo André-MarieAmpère, físico francés 1775-1836)

  1. s m [METROL]

    Unidade de intensidade de corrente eléctrica no sistema internacional (SI). Defínese como a intensidade dunha corrente constante que, pasando por dous condutores paralelos de lonxitude infinita e sección desprezable, situados a un metro de distancia no baleiro, produce entre os dous condutores unha forza de 2x10 -7 newtons por metro de lonxitude. O ampere é unha das sete unidades básicas do sistema internacional. Equivale a unha décima parte dun abampere, unidade de intensidade de corrente do sistema CGS.

  2. s m [METROL]

    Unidade de forza magnetomotriz no sistema internacional (SI). Defínese como a forza magnetomotriz producida ao longo dunha curva pechada calquera que envolve un condutor e que transporta unha corrente dun ampere.

  3. ampere hora [METROL]

    Cantidade de electricidade transportada nunha hora por unha corrente dun ampere. Equivale a 3.600 coulombs.

  4. ampere internacional [METROL]

    Intensidade dunha corrente constante que, pasando a través dunha solución de nitrato de prata, deposita 1,118 mg de prata por segundo. Un ampere internacional equivale a 0,999835 amperes.

  5. ampere volta [METROL]

    Antiga unidade de forza magnetomotriz. A unidade de forza magnetomotriz no sistema internacional é o ampere. Nunha bobina, a forza magnetomotriz vén dada polo produto do número de voltas ou espirais da bobina e a intensidade que circula expresada en amperes.